Nova: Presentado o borrador do anteproxecto de lei do patrimonio cultural de Galicia
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
05/06/2015
Presentado o borrador do anteproxecto de lei do patrimonio cultural de Galicia
Procura unha simplificación normativa, define novas tipoloxías patrimoniais, conta coa implicación dos concellos a través da habilitación legal e ofrece unha mellor protección do patrimonio sobranceiro de Galicia
Santiago, 5 de xuño de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, acompañado do equipo de Cultura, explicou na sede do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento que se están a dar os primeiros pasos na tramitación da futura Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, e chamou “á participación cidadá” para que se presenten as alegacións que consideren axeitadas e positivas nesta fase tramital preliminar, “para mellorar a norma, e para procurar o máximo consenso”, arredor da que cualificou como “unha lei moi importante, unha lei de país.”
A nova Lei suporá unha simplificación normativa respecto da situación actual, permitindo recoller os avances dispostos nas políticas de xestión patrimonial durante as dúas últimas décadas, procurando unha máis doada e eficiente xestión administrativa e unha mellor seguridade xurídica para a cidadanía acerca do noso patrimonio cultural. Para isto manteranse os niveis de protección previstos na lei 8/95, vixente na actualidade, pero modificándoos e adaptándoos aos tempos, a xestión e a realidade patrimonial.
No acto informativo participaron, ademais do conselleiro, o secretario xeral técnico, Jesús Oitavén; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua; o subdirector xeral de Protección do Patrimonio Cultural, Juan Naveira Seoane; e o subdirector xeral de conservación e restauración de Bens Culturais; Manuel Chaín Pérez.
Novas tipoloxías
Consecuentemente, a norma definirá novas tipoloxías patrimoniais, procurará a implicación dos concellos a través da habilitación legal e ofrecerá unha mellor protección do patrimonio sobranceiro de Galicia, ao prever, entre outras medidas, non rebaixar en ningún caso o nivel de protección e control e a aplicación dun endurecemento do réxime sancionador no caso das infraccións moi graves.
O anteproxecto derroga e refunde o disposto na Lei 8/1995, de Patrimonio Cultural de Galicia, na Lei 3/1996, de Protección dos Camiños de Santiago, e na Lei 12/1991, de traballos de dotación artística nas obras públicas e nos Camiños de Santiago da Comunidade Autónoma de Galicia.
Implicación dos concellos
Unha das principais novidades da Lei vén determinada a través da habilitación legal para que os concellos poidan autorizar intervencións en determinados bens catalogados do patrimonio arquitectónico e etnolóxico, o que permitirá unha maior implicación e colaboración das entidades locais coa protección e salvagarda do Patrimonio Cultural propio e a axilización na tramitación de autorizacións. Neste momento está previsto que a habilitación sexa, en todo caso, voluntaria para os concellos e baixo determinados supostos que garantan a capacidade de asumir esta función.
Seguridade xurídica e transparencia
A norma reduce a dúas as categorías de bens do patrimonio cultural de Galicia: Bens de interese cultural e Bens catalogados, que contarán con cadanseu instrumento de rexistro independente: o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e o Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.
Na proposta, os Bens de Interese Cultural incluirán os BICs por declaración singular e diversos BICs que o son ope legis – é dicir, por imperativo legal-. De xeito análogo, a categoría de Bens catalogados abranguerá a todos os bens que figuren no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia; aqueles que estean contidos individualmente nos catálogos urbanísticos e os catalogados ope legis.
A maiores o anteproxecto de lei crea o Censo de Bens Culturais de Galicia, un instrumento de divulgación que será periodicamente actualizado pola Consellería, coa finalidade de converterse nunha ferramenta para a protección do patrimonio. No Censo de Bens Culturais recolleranse os bens integrantes do Patrimonio Cultural de Galicia, nos que se aprecie que concorre un valor cultural, pero que aínda non foron declarados de interese cultural ou catalogados.
Novos patrimonios
A norma dotará dunha regulación específica a novas tipoloxías patrimoniais. Mellorarase a protección nos eidos do patrimonio Inmaterial, o Subacuático, o Industrial e o Científico.
No caso do Patrimonio Inmaterial incorporaranse definicións e criterios do Convenio para a salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, recoñecendo o papel activo das comunidades na súa protección e sostemento.
Por outra banda, o Subacuático incluirá a catalogación ex lege dos pecios anteriores a 1901 somerxidos no mar territorial de Galicia e definirá uns principios claros de actuación acordes coa Convención da UNESCO que rexe na materia. Ademais, no caso do Patrimonio Industrial incluirase a presunción de valor segundo criterio de datación, o que garante unha maior seguridade xurídica. Asumirase igualmente a metodoloxía de actuación dun importante instrumento de xestión como é o Plan Nacional de Patrimonio Industrial. E, finalmente, no caso do patrimonio Científico, a avaliación realizarase de xeito singular e en función da natureza dos bens.
A tramitación da Lei
Durante os últimos dous meses responsables da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, encabezados por Román Rodríguez, mantiveron xuntanzas con representantes da FEGAMP, Consello da Cultura Galega, Real Academia Galega de Belas Artes ‘Nosa Señora do Rosario’, Universidades do SUG, Colexio Oficial de Arquitectos e Fiscalía a fin de presentarlles e abordar o borrador do anteproxecto de Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.
Tal e como explicou o conselleiro, desde hoxe mesmo estará colgado o borrador do anteproxecto, abríndose o prazo de exposición ao público para alegacións, que será dun mes a partir da publicación do anuncio de exposición no DOG.
Concluído este trámite farase o envío oficial para alegacións á FEGAMP, a Academia de Belas Artes, as Universidades, o Colexio Oficial de Arquitectos, a Asociacións do Camiño de Santiago, as Secretarias Xerais Técnicas das Consellerías e a Secretaria Xeral de Urbanismo. Durante o mes de xullo realizarase o estudo das devanditas alegacións.
Ao longo de agosto está prevista a remisión do texto coas alegacións ao Consello da Cultura. Xa no de setembro o texto expedirase a órganos internos da Xunta: Dirección Xeral de Orzamentos, Secretaria Xeral de Igualdade, Dirección Xeral de Avaliación, Dirección Xeral de Función Publica e Asesoría Xurídica. Finalmente, o texto elevarase para a súa aprobación no Consello da Xunta como Proxecto de Lei e remitirase ao Parlamento.