Nova: Amplo programa de actividades en toda Galicia para celebrar o Día Internacional dos Arquivos

05/06/2015

Amplo programa de actividades en toda Galicia para celebrar o Día Internacional dos Arquivos

Exposicións, obradoiros, xornadas de portas abertas e visitas guiadas centran a programación arredor do 9 de xuño no Arquivo de Galicia, no Arquivo do Reino de Galicia e nos arquivos histórico provinciais de Ourense, de Lugo e de Pontevedra

  • Día Internacional Arquivos Día Internacional Arquivos

Santiago, 5 de xuño de 2015.- O vindeiro 9 de xuño, Galicia súmase á celebración do Día Internacional dos Arquivos, unha data promovida pola Unesco que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, quere aproveitar para reforzar o coñecemento, entre a cidadanía, do labor fundamental que veñen desenvolvendo os arquivos.

Con este obxectivo, así como co fin de difundir e poñer en valor o patrimonio documental galego, os arquivos da Xunta de Galicia desenvolven unha programación especial de actividades que dará comezo na véspera do Día Internacional dos Arquivos, o vindeiro luns 8 de xuño, e que se prolongará durante toda a semana.

O valor dos arquivos privados
Unha das iniciativas centrais desta celebración terá lugar no Arquivo de Galicia, a cabeceira do sistema galego de arquivos, con sede na Cidade da Cultura, e consistirá na exposición ‘Memorias de familia: O fondo Vilariño Pintos no Arquivo de Galicia’. Realizada a partir do primeiro arquivo privado que ingresou no Arquivo de Galicia, doado en 2010 á Xunta de Galicia polos irmáns Vilariño Pintos, de Santiago de Compostela, a exposición amosará desde o 9 de xuño ao 9 de setembro unha selección de documentos que se acompañan de fotografías cedidas pola familia para a ocasión, xunto con obxectos persoais e reproducións de documentos gráficos e en imaxes sobre a capital de Galicia, procedentes do Arquivo Histórico Universitario e do Museo do Pobo Galego.

Ao abeiro desta exposición, o Arquivo de Galicia organizará o venres 12 de xuño, ás 12:30 horas, a conferencia ‘Os arquivos privados: salvar o patrimonio, fomentar a investigación’, na que Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, falará da importancia dos arquivos para o coñecemento do noso pasado. Completarán a programación do Arquivo de Galicia unha xornada de portas abertas o propio día 9, con visitas guiadas, previa inscrición.

Facsímile da causa contra ‘o home lobo’
Tamén na provincia da Coruña, o Arquivo do Reino de Galicia, con sede na cidade herculina, propón diversas iniciativas para iniciar a conmemoración do Día Internacional dos Arquivos na véspera da data. O luns 8 de xuño, ás 11:00 horas, terá lugar a presentación do libro ‘A causa contra Manuel Blanco, O home lobo’. Trátase do expediente xudicial da Audiencia Territorial da Coruña, unha edición facsimilar do exemplar conservado no Arquivo do Reino de Galicia coa reseña da causa contra Manuel Blanco Romasanta por varios asasinatos. O libro inclúe un CD coa copia dixital do expediente xudicial orixinal da Audiencia Territorial da Coruña, publicada no ano 1859.

O Arquivo do Reino de Galicia tamén realizará os días 8 e 9 de xuño diversos obradoiros de documentos e arquivos, de papel e de encadernación, previa inscrición, xunto con visitas ás instalacións do arquivo e á mostra dunha selección de documentos de interese.

Tampouco faltarán as xornadas e visitas guiadas nos arquivos histórico provinciais de Lugo, de Ourense e de Pontevedra. Este último tamén propón para o venres 12 de xuño, ás 19:00 horas, a conferencia ‘A industria conserveira galega: historia dun éxito industrial’, impartida por Xoán Carmona Badía, á que seguirá unha velada musical a cargo do violonchelista Luis Enrique Caballero Varona.

As exposicións centrarán as propostas dos arquivos históricos provinciais de Lugo e de Ourense para convidar a cidadanía a se achegar ao patrimonio documental. O primeiro organizará visitas guiadas, previa inscrición, á exposición ‘Pontes, pontigos e pasares’, unha escolma de fotografías dos seus fondos, xunto coa mostra dixital ‘Documentos singulares: Esbozo do igrexario de Santa María de Carballido’, accesible na páxina web de Arquivos de Galicia, en arquivosdegalicia.xunta.es

A presenza franciscana en Ourense
Para divulgar o patrimonio documental herdado dos conventos ourensáns da orde franciscana, un legado pouco coñecido que permite reconstruír o pasado destas comunidades e recuperar a memoria da súa dilatada presenza na cidade de Ourense, nas vilas de Allariz, Monterrei e Ribadavia e no lugar de Trandeiras (Xinzo de Limia), o Arquivo Histórico Provincial de Ourense organiza a exposición ‘O legado de Asís: franciscanos e clarisas en Ourense’.

A mostra, que será inaugurada o martes 9 de xuño, ás 19:30 horas, e que permanecerá aberta ata o 9 de outubro de 2015, divídese en seis expositores nos que se percorre a presenza franciscana en Ourense: a fundación dos seus conventos, a súa importancia social e actividades durante os séculos XIII a XIX, a exclaustración e desamortización do XIX e a restauración dalgunhas comunidades a finais dese século e principios do XX.

Completan esta programación conmemorativa do Día Internacional dos Arquivos as xornadas de portas abertas no Arquivo Central da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e nos arquivos territoriais da Xunta de Galicia en Lugo, en Pontevedra e en Vigo, con visitas guiadas, previa inscrición, para empregados públicos e persoas usuarias dos centros.

O labor dos arquivos
A Consellería de Cultura, a través da Secretaría Xeral de Cultura, é o órgano encargado da dirección e coordinación do exercicio das competencias da Xunta de Galicia relativa ao sistema de arquivos de Galicia. Desde 2014 faino nun novo marco legal, a Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, que mellora e define en profundidade os procedementos e funcións, e que atende, por vez primeira, os novos retos dixitais.

Ademais das tarefas habituais para asegurar a preservación do fondos documentais que custodian, os arquivos xestionados pola Consellería de Cultura e Educación levan a cabo durante todo o ano diversas actividades de difusión para achegarlle o valor do patrimonio documental á cidadanía, así como de formación. Entre o seu labor destacan, así mesmo, os traballos de restauración, que no ano 2014 ascenderon a un total de 1.378 intervencións.

Comparte