Nova: BalletNorte e o Centro Coreográfico Galego homenaxean os poetas do Rexurdimento

05/06/2015

BalletNorte e o Centro Coreográfico Galego homenaxean os poetas do Rexurdimento

Juan Miguel Hernández dirixe un elenco de 10 bailaríns e bailarinas a partir da música orixinal de Ismael Berdei e con espazo audiovisual de Pixel Films

A peza, 'Atlántica' de estilo neoclásico, simboliza  tamén a especial relación de Galicia co mar
 

  • Imaxe do espectáculo Imaxe do espectáculo

A Coruña, 5 de xuño de 2015.- A compañía coruñesa de danza BalletNorte, baixo a dirección do coreógrafo Juan Miguel Hernández, presenta diante do público este domingo día 7 de xuño, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal Gabriel García Márquez de Mera (Oleiros) o espectáculo ‘Atlántica’, realizado en coprodución co Centro Coreográfico Galego.

A peza é resultado do contrato asinado entre BalletNorte e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), co que rematou o proceso de licitación pública convocado no pasado mes de novembro para ofrecerlles ás compañías privadas galegas a posibilidade de coproducir unha montaxe a través da unidade de produción de danza da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

‘Atlántica’, con música orixinal de Ismael Berdei, estréase despois de dous meses de traballo conxunto entre o compositor e o coreógrafo coas seis bailarinas e catro bailaríns que asumen a interpretación nun espazo escénico con contidos audiovisuais deseñados por Pixel Films. Silvana Sestelo, Yolanda Pérez, Ailén Ramos, Rosalía Vázquez, Noemi Trincado, Paula Ripoll, Miguel Ángel Ponte, Dayro Valdés, Iago Alonso e Fernando Piñeiro son os nomes que conforman o elenco.

Visión contemporánea
Trátase dunha creación de estilo neoclásico, inspirada nos poetas do Rexurdimento literario galego e como homenaxe á súa achega á nosa cultura. A través dunha visión contemporánea, a obra busca facerlles partícipes aos espectadores de soidades, temores, amores e desamores, tomando como punto de partida un fragmento da novela de Manuel Murguía ‘La mujer de fuego’.

Ao tempo, o título ‘Atlántica’ fai referencia á importancia que o mar ten para Galicia, tanto como medio de vida, vínculo entre culturas e nexo de unión co continente americano debido á emigración.

Durante o período de ensaios anterior á estrea, BalletNorte recibiu asistencia por parte do Centro Coreográfico Galego en canto a análise, asesoramento, planificación e viabilidade de estratexias, tanto no relativo á xestión, financiamento e comercialización como no tocante aos aspectos artísticos.

Debut coreográfico
‘Atlántica’ é a primeira peza como coreógrafo de Juan Miguel Hernández e tamén a primeira produción de BalletNorte, compañía con sede na Coruña da que é titular Paloma Pérez Colomer.

Juan Miguel Hernández (Madrid, 1975), realizou estudos de danza en Madrid na Escola María de Ávila, no Real Conservatorio Profesional de Danza e na Escola de Víctor Ullate. Posúe unha ampla carreira como bailarín solista e de corpo de baile en pezas asinadas por creadores tan recoñecidos como Nacho Duato, Maurice Bêjart, William Forsyhte, Hans van Manen ou Víctor Ullate. Nos últimos anos formou parte dos elencos de pezas do Centro Coreográfico Galego, como ‘Magnificat’, de Amaury Lebrun; ‘Honey Moon’, de Toni Fabre; ‘Aínda’, de Mercedes Suárez; ou ‘Full House’, de Johan Inger.

BalletNorte está integrada por bailaríns e bailarinas de diferentes nacionalidades, aínda que a maior parte son de orixe galega. Todos eles posúen formación en danza clásica e contan con interpretacións neoclásicas e contemporáneas nas súas traxectorias.

As invitacións para asistir a esta primeira representación pública de ‘Atlántica’ poden solicitarse en BalletNorte e no Centro Coreográfico Galego.
 

Comparte