Nova: O Arquivo Histórico de Ourense divulga o patrimonio documental herdado de conventos franciscanos
09/06/2015
O Arquivo Histórico de Ourense divulga o patrimonio documental herdado de conventos franciscanos
‘O legado de Asís’ é a primeira exposición documental que se celebra na cidade das Burgas dedicada á pegada do conxunto desta orde
A mostra, que se pode visitar ata o 9 de outubro, enmárcase na celebración do Día Internacional dos Arquivos
Ourense, 9 de xuño de 2015.- O Arquivo Histórico Provincial de Ourense (AHPOu) únese á celebración do Día Internacional dos Arquivos coa inauguración da exposición ‘O legado de Asís: franciscanos e clarisas en Ourense’, que constitúe a primeira mostra documental que se celebra en Ourense dedicada á pegada do conxunto da orde franciscana.
Realizada a partir dos fondos que se conservan no AHPOu, a mostra ten como obxectivo divulgar o patrimonio documental herdado dos conventos ourensáns da orde franciscana, un legado pouco coñecido que permite reconstruír o pasado destas comunidades e recuperar a memoria da súa dilatada presenza na cidade de Ourense, en Allariz, en Monterrei, en Ribadavia e no lugar de Trandeiras, en Xinzo de Limia.
Percorrido pola presenza franciscana en Ourense
A mostra divídese en sete expositores nos que se percorre a presenza franciscana en Ourense, desde a fundación dos seus conventos á súa importancia social, pasando polas actividades realizadas entre os séculos XIII e XIX, así como pola exclaustración e desamortización do XIX e pola restauración dalgunhas comunidades a finais dese século e principios do XX.
Conformada por 20 pezas documentais e fotográficas procedentes dos fondos da Orde Franciscana que se preservan neste arquivo, na exposición inclúense documentos como o testamento da raíña Violante (1292), viúva de Afonso X ‘O Sabio’, e outros documentos de finais do século XIII relacionados coa fundación do convento de Santa Clara de Allariz, así como un privilexio de xuro de 1560 outorgado a esta comunidade por Filipe II. Tamén se mostra a maqueta da rehabilitación do antigo Convento de San Francisco de Ourense que será a futura sede do Arquivo Histórico Provincial de Ourense.
Programación conmemorativa do Día dos Arquivos
Xunto co Arquivo Histórico Provincial de Ourense, o resto de arquivos da Xunta de Galicia tamén participan desde onte na conmemoración do Día Internacional dos Arquivos a través de xornadas de portas abertas e visitas guiadas, conferencias, exposicións e obradoiros, que se poden consultar na Axenda de Cultura de Galicia, en www.cultura.gal