Nova: Mellorada a accesibilidade da Casa da Cultura de Agolada

09/06/2015

Mellorada a accesibilidade da Casa da Cultura de Agolada

Remataron as obras para facilitar o acceso ás instalacións dun local empregado para actividades culturais

  • Casa da Cultura de Agolada Casa da Cultura de Agolada
  • O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou, en compaña do alcalde de Agolada, Ramiro Varela, o remate dos traballos de mellora da accesibilidade da Casa da Cultura O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou, en compaña do alcalde de Agolada, Ramiro Varela, o remate dos traballos de mellora da accesibilidade da Casa da Cultura

Agolada, 9 de xuño de 2015.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou, en compaña do alcalde de Agolada, Ramiro Varela, o remate dos traballos de mellora da accesibilidade da Casa da Cultura desta localidade executados grazas a unha axuda da Consellería de Cultura e Educación.

Os traballos permitiron a execución dunha rampla que mellora a accesibilidade ao interior do edificio así como a reforma dos baños da Casa da Cultura para facilitar o seu uso por parte das persoas con discapacidade.

Estas obras contaron cun orzamento total de 18.738 euros, dos cales 14.053 euros foron aportados pola Consellería de Cultura e Educación a través da orde do 2 de xaneiro de 2015 para o equipamento e a mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais. Esta orde contou cun orzamento total a nivel galego de 500.000 euros, destinando 132.881 a 22 concellos da provincia de Pontevedra, entre os que se atopou Agolada.

Os traballos, practicamente rematados, permitirán, segundo apuntou o delegado territorial, “facilitar o acceso a estas instalacións por parte de tódolos veciños do municipio”, destacando o feito de que non só se atopa no edificio a biblioteca municipal, senón tamén varias aulas destinadas a realización de diferentes cursos así como a sala de informática.

De feito, José Manuel Cores Tourís destacou que este tipo de iniciativas de mellora de instalacións culturais “contan co apoio expreso da Xunta de Galicia, e, en concreto, da Consellería de Cultura e Educación, xa que seguimos a apostar pola dinamización cultural do pais, para o cal é necesario a mellora das condicións de equipamento e dos elementos técnicos destes locais, co fin de abrir as súas ofertas aos novos campos da cultura”.

“Dende a administración autonómica continuamos a apostar polo reequilibrio territorial na distribución cultural, de aí que apoiemos o desenvolvemento cultural das zonas menos poboadas de cara a que a garantir que tódolos galegos conten coas mesmas oportunidades de acceso á cultura”, engadiu o delegado territorial.

Esta orde de axudas permitiu aos concellos levar a acabo diversos investimentos en equipamento escénico, iluminación, son, audiovisual, seguridade, novas tecnoloxías e supresión de barreiras arquitectónicas e accesibilidade. A axuda máxima concedida pola Consellería foi de 30.000 euros.

 

Comparte