Nova: A mostra itinerante sobre Filgueira Valverde chega a Foz acompañada de xincanas lingüísticas

09/06/2015

A mostra itinerante sobre Filgueira Valverde chega a Foz acompañada de xincanas lingüísticas

‘Filgueira Valverde na voz da xente’ complementa a mostra para achegarlles aos escolares a figura, a obra e a vida do autor homenaxeado polas Letras Galegas 2015

As seguintes paradas serán os concellos coruñeses de Melide, Boqueixón e Ponteceso

  • Xosé Filgueira Valverde, un faro na construción de Galicia Xosé Filgueira Valverde, un faro na construción de Galicia

Foz (Lugo), 9 de xuño de 2015.- O Centro de Interpretación da Mariña Lucense (centro Cenima) acolle a mostra coa que a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra lle renden tributo ao autor homenaxeado polas Letras Galegas 2015, “Xosé Filgueira Valverde, un faro na construción de Galicia”. Fíxoo coincidindo co arranque das primeiras das xincanas lingüísticas escolares que percorrerán os concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) que inclúe a itinerancia desta exposición, “Filgueira Valverde na voz da xente”.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na inauguración da mostra e incidiu no interese para difundir entre a cidadanía “a valiosa contribución de Filgueira Valverde á cultura e á lingua galegas”, así como para dar a coñecer o destacado labor profesional que o polígrafo desenvolveu ao longo da súa vida. Por medio de paneis con texto e fotografías que ilustran a traxectoria vital e profesional do autor pontevedrés, a exposición constitúe “unha das propostas centrais coas que a Xunta de Galicia conmemora ao longo de todo este ano as Letras Galegas 2015”, afirmou García Gómez.

Canda el participaron no acto o alcalde en funcións, Jorge Castiñeira, e mais o responsable da empresa O Falcón Branco, xestora da actividade de dinamización lingüística “Filgueira Valverde na voz da xente”, Brais Fernández.

Xincanas lingüísticas na Rede de Dinamización
Segundo explicou García Gómez, “a xincana lingüística que complementa a mostra inclúe unha serie de xogos e de probas para que a rapazada de 10 a 15 anos se achegue á figura homenaxeada polas Letras Galegas 2015 e a súa obra de promoción da lingua de Galicia, e facer partícipe á RDL da celebración das Letras Galegas no marco da programación destinada a ela”.

A xincana, creada e xestionada pola empresa de dinamización cultural O Falcón Branco, realízase no mesmo espazo onde está exposta a mostra Filgueira Valverde (1906-1996). Un faro na construción de Galicia, co fin de aproveitar a información que esta achega e, ao mesmo tempo, servir de guía e complemento dela.

A actividade, de 90 minutos de duración, inclúe un peche poético consistente nunha escenografía sonora sobre palabras de Filgueira Valverde para que estean “na voz da xente”. Esta escenografía sonora correrá a cargo dun Consello de Galegos Ilustres integrado polo Señor Ilustre (representado por Brais Fernández) e o Músico Ilustre (Xabier Mugardos).

Logo das primeiras sesións hoxe en Foz -nas que participou alumnado dos últimos cursos de primaria e dos primeiros de secundaria dos centros Colexio do Pilar e CEIP Nº1- “Filgueira Valverde na voz da xente” chegará tamén a Melide, a Cee, a Oleiros, a Boqueixón, á Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso, ao Barco de Valdeorras e ao Carballiño.

Mostra itinerante por 22 escenarios
“Xosé Filgueira Valverde (1906-1996). Un faro na construción de Galicia” componse de paneis informativos estruturados en dous bloques nos que se fai un percorrido polo traballo do intelectual na promoción da lingua galega, así como o seu papel na creación do Museo de Pontevedra e o seu labor docente no Instituto de Pontevedra. O proxecto, comisariado por Carlos Valle e por Ana María Costas, recolle as facetas profesionais do polígrafo nun amplo retrato cronolóxico da súa biografía. A mostra acompáñase dun detallado folleto de 12 páxinas que compila os datos a disposición de todas as persoas que se acheguen a visitala.

Logo de facer parada en Santiago de Compostela (Biblioteca Ánxel Casal), na Coruña (Biblioteca González Garcés) e en Foz (centro Cenima, no que se pode visitar ata o 16 de xuño), a mostra continuará o seu percorrido da man da Xunta de Galicia coas seguintes itinerancias: Melide (Casa da Cultura), Boqueixón (Casa do Concello), Ponteceso (Fundación Eduardo Pondal), Lugo (Biblioteca Central Territorial), O Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo), O Carballiño (Auditorio), Oleiros (A Fábrica), Ferrol (Centro Cultural Carballo Calero), Cee (Casa da Cultura) e Ourense (Biblioteca Central Territorial).

Paralelamente e da man da Deputación de Pontevedra, tamén está previsto o percorrido dunha mostra xemelga que encetou a súa itinerancia en Lalín e que continuará nos concellos pontevedreses de Redondela (a partir do 11 de xuño), O Porriño, Mondariz-Balneario, Marín, Vigo, Cambados, A Estrada e Cuntis. En total, un total de 22 concellos galegos albergarán esta exposición arredor do autor homenaxeado polas Letras Galegas 2015, ademais da exposición ampliada que permanecerá ata fin de ano no Museo de Pontevedra.
 

Comparte