Nova: Cuarto público volve transformar os espazos dun hotel nun escaparate para a creación artística actual
10/06/2015
Cuarto público volve transformar os espazos dun hotel nun escaparate para a creación artística actual
A terceira edición da feira de arte contemporánea de Galicia celebrarase en Santiago de Compostela en marzo de 2016
Galerías, comisarios, artistas, profesionais da xestión cultural e público en xeral interactúan neste evento
Santiago, 10 de xuño de 2015.- A feira de arte contemporánea Cuarto Público celebrará en marzo de 2016, entre os días 11 e 13, a súa terceira edición, co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A iniciativa, organizada por Territorio Cultura, constitúe “un evento de arte singular que transforma os cuartos e espazos comúns dun hotel nun escaparate para a arte, co obxectivo de lle achegar a creación artística actual ao público e aos clientes dun xeito diferente”.
Así o afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na rolda de prensa de presentación da nova edición do evento, que tivo lugar esta mañá no hotel NH Collection de Santiago de Compostela, onde se vén realizando a feira desde o seu inicio en 2013 coa implicación de galerías, comisarios, críticos de arte, profesionais da xestión cultural, artistas, institucións, plataformas e empresas galegas e doutros puntos do Estado.
Pintura, escultura, fotografía e moda tenden pontes nesta feira de arte contemporánea cunha programación na que tamén son protagonistas a poesía, o teatro, a música e a danza, no marco dun espazo de venda efémero para a creatividade actual no que interactúan público, creadores, produtores e clientes e que busca impulsar o mercado cultural galego.
Un escaparate diferente para a creación actual
“A creatividade –dixo o secretario xeral– dialoga co público neste evento cultural e tamén cun escenario idóneo e orixinal para seguir dándolle forma a unha proposta de dinamización cultural rompedora que contribúe a lles dar visibilidade aos proxectos artísticos actuais e aos seus creadores e creadoras, cun especial apoio aos artistas emerxentes”.
Das edicións anteriores, Anxo Lorenzo puxo en valor a súa boa acollida, froito da “profesionalidade do equipo organizador do evento e das entidades participantes, da calidade das obras, así como do talento dos artistas que levaron a cabo a programación, o que favoreceu a súa visibilidade tanto entre os profesionais do ámbito como entre as persoas afeccionadas á arte en xeral”.
Xulia Santiso, Patricia Amil e Paula Cabaleiro, directoras da feira, anunciaron as novidades da terceira edición durante a rolda de prensa, que tamén contou coa participación do director do hotel, Esteban Iglesias. A nova convocatoria realizarase no quinto andar do hotel compostelán e contará con 20 cuartos para ofrecer un evento renovado que busca atraer novas galerías e coleccionistas públicos e privados, incorporar proxectos galegos e internacionais de interese, e garantir a calidade expositiva. A convocatoria para participar na nova edición da feira estará aberta ata o vindeiro 31 de novembro de 2015.
Impulso á difusión das artes plásticas
A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, promove a difusión das artes plásticas e visuais co seu apoio a diversas iniciativas. Nesta liña de actuación, enmárcanse iniciativas como a colaboración coa programación anual de actividades expositivas, culturais, didácticas e de difusión no Museo de Arte Contemporánea (MARCO) ou o apoio á Fundación Laxeiro, para a difusión e o estudo da obra do pintor.
Ademais, a través dos seus museos, a Consellería realiza un importante labor de difusión social das artes plásticas, tarefa que comparten con outros centros destinados á programación de exposicións e de actividades para fomentar a creatividade dos distintos colectivos sociais e para facilitar o acceso da cidadanía á obra dos artistas consagrados e emerxentes.