Nova: Clausura da XII Bienal Pintor Laxeiro, dedicada ao seu impulsor Paco Lareo

12/06/2015

Clausura da XII Bienal Pintor Laxeiro, dedicada ao seu impulsor Paco Lareo

O filósofo Santiago Losada disertou sobre Laxeiro e Manuel Torres nun acto que tivo lugar no Museo Ramón María Aller de Lalín

Lalín (Pontevedra), 12 de xuño de 2015.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou na clausura da Bienal Pintor Laxeiro, que tivo lugar no Museo Ramón María Aller do concello pontevedrés de Lalín.

No peche da duodécima edición desta iniciativa, que este ano se lle dedicou ao seu impulsor Paco Lareo, Anxo Lorenzo puxo en valor a sólida traxectoria da bienal, así como a súa contribución á difusión e posta en valor da creación artística actual, e destacou o interese do certame para apoiar os novos valores e para dar a coñecer os seus traballos.

Previamente, o filósofo e humanista Santiago Losada disertou sobre Manuel Torres e Laxeiro, dous artistas que conxugaron as tendencias pictóricas de vangarda e que, ao mesmo tempo, mantiveron a arte primitiva consubstancial e propia de Galicia.

Música e recitado de poemas
O acto tamén contou co acompañamento musical do gaiteiro Plácido Rozas, que interpretou as muiñeiras de Laxeiro e A Solaina, e co recitado de sete poemas relacionados coa obra de Torres e Laxeiro, de autores como Curros Enríquez, Bernardino Graña e Franco Grande, seleccionados polo propio Santiago Losada e lido por integrantes do club de lectura do instituto Laxeiro.

O alcalde en funcións de Lalín, Xosé Crespo, foi o encargado de pechar o acto, no que se deu a coñecer a adquisición de obra e os artistas seleccionados pola Fundación Paco Lareo – A Solaina de Piloño para participar na xuntanza internacional que se celebrará en xullo do próximo ano 2016.

Difusión da creación artística
A Bienal Pintor Laxeiro, convocada e organizada polo Concello de Lalín e na que colabora a Fundación Paco Lareo – A Solaina de Piloño, conta co apoio de Cultura e Educación. Concretamente, a consellería colabora coa edición do catálogo da actividade, un soporte que contribúe á promoción e divulgación das obras e os artistas galardoados.
 

Comparte