Nova: Taller informativo para coñecer as novas opcións de financiamento europeo para proxectos culturais

12/06/2015

Taller informativo para coñecer as novas opcións de financiamento europeo para proxectos culturais

O Museo de Belas Artes da Coruña acollerá o vindeiro 19 de xuño a iniciativa, que busca ofrecer información práctica sobre o proceso de presentación de proxectos ás convocatorias dos programas Europa Creativa e Europa cos Cidadáns

O prazo para inscribirse remata o 17 de xuño

  • Cartel da actividade Cartel da actividade

Santiago, 12 de xuño de 2015.- O vindeiro 19 de xuño de 2015, a oficina de Europa Creativa - Cultura e o Punto Europeo de Cidadanía, en colaboración coa oficina de Europe Direct da Deputación da Coruña e a Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, organizan no Museo de Belas Artes da Coruña o taller Proxectos Europeos dos Programas Europa Creativa - Cultura e Europa cos Cidadáns 2014 - 2020.

O obxectivo da iniciativa é ofrecer información práctica e resolver dúbidas específicas sobre o proceso de presentación de proxectos ás convocatorias dos programas Europa Creativa e Europa cos Cidadáns, que se abrirán no segundo semestre de 2015.

Dirixido a todos os perfís do sector cultural
Este taller está destinado a todos os perfís do sector cultural, empresas, organismos e entidades tanto públicas como privadas –administracións, fundacións, asociacións, empresas, ONG, consultoras e produtoras- que estean interesados en presentar un proxecto europeo no marco destes dous programas de financiamento.

Carolina Fenolle e Miguel Sánchez, técnicos da oficina Europa Creativa – Cultura e do Punto de Cidadanía, do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, serán os encargados de lles presentar aos asistentes aspectos prácticos e de interese sobre a convocatoria de proxectos de cooperación cultural europea, así como de irmandamento de cidades e redes de cidades.

A inscrición é gratuíta e deberá realizarse antes do vindeiro 17 de xuño de 2015. O número máximo de prazas é de 150, por rigorosa orde de inscrición, e entregarase un certificado de asistencia. O programa da xornada está accesible en www.cultura.gal.

Comparte