Nova: Música, arte, conferencias e visitas guiadas centran as actividades do CGAC para esta semana
15/06/2015
Música, arte, conferencias e visitas guiadas centran as actividades do CGAC para esta semana
Bradley Epss pechará o ciclo Cara a onde? coa conferencia ‘A que(e)renza do normal: tensións e torceduras da identidade nacional e lingüística’
Santiago, 15 de xuño de 2015.- O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolle esta semana unha completa oferta de actividades culturais -para todos os públicos e totalmente de balde- centradas principalmente en torno ao ciclo de Música e Arte. Correspondencias sonoras. Ademais, quen se acheguen ata o recinto poden gozar dunha visita guiada á mostra de Val del Omar, unha xornada de Nerd Nite e unha conferencia de Bradley Epps.
Precisamente, na xornada do pasado domingo, en horario de 11,00 a 14,00 h, Vertixe Sonora Ensemble ofreceu ensaios abertos ao público para amosar o proceso das creacións musicais realizadas especificamente para as exposicións do CGAC no ciclo Música e arte. Correspondencias sonoras.
O día 16, ás 19,45 horas terá lugar ‘Causal’, un encontro cos compositores Eduardo Caballero (México, 1976), Pamela Madsen (EEUU), Alberto Arroyo (España, 1989), Iker Güemes (España, 1971), Alfonso Mendoza (México, 1988) e Nico Sauer (Alemaña, 1986) que, nesta ocasión, inspiraron as súas pezas na mostra ‘Tectónica’ do artista Manuel Vilariño. Ese mesmo día ás 20,30 horas comezará o concerto a cargo de Vertixe Sonora Ensemble.
O xoves 18 haberá dúas actividades. Por unha banda, dentro do ciclo Visitas guiadas por profesionais do ámbito cultural e artístico, Ramiro Ledo conducirá unha visita á exposición de Val del Omar ‘A mecamística do cine’. A visita partirá da recepción do centro ás 19,00 h e non será necesaria a cita previa. Posteriormente, ás 21,30 horas, o CGAC acollerá unha nova xornada de Nerd Nite, nesta ocasión dedicada ao recentemente falecido matemático e premio Nobel de Economía John Nash.
Para rematar a semana de actividades, o sábado 20, de 12,00 a 14,00 h, o catedrático de Literatura Española e profesor de literatura na Universidade de Harvard Bradley Epss, pechará o ciclo ‘Cara a onde? Observando a transformación cultural e social desde a literatura’ cunha conferencia baixo o título ‘A que(e)renza do normal: tensións e torceduras da identidade nacional e lingüística’.