Nova: Financiamento de traballos arqueolóxicos no xacemento paleolítico de Cova Eirós
15/06/2015
Financiamento de traballos arqueolóxicos no xacemento paleolítico de Cova Eirós
Dirixidos pola USC contan coa apoio da Consellería de Cultura para asegurar a continuación dos labores de escavación, investigación e documentación neste enclave no concello lugués de Triacastela
A serie de pinturas e gravados descubertos constitúen un achado de arte parietal do Paleolítico Superior único e excepcional en Galicia
Santiago, 15 de xuño de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Universidade de Santiago de Compostela colaborarán nas actuacións arqueolóxicas de Cova Eirós (no concello lugués de Triacastela), un xacemento único e excepcional en Galicia que pode aportar información valiosa sobre a transición entre os derradeiros neardentais e os primeiros humanos modernos.
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o reitor compostelán, Juan Viaño, asinaron hoxe un convenio segundo o cal o Goberno galego financia con 30.000 euros a continuación dos traballos de escavación, investigación e documentación deste conxunto arqueolóxico que alberga os primeiros restos de arte parietal paleolítico en Galicia. Pola súa banda, a Universidade de Santiago será a promotora desta actuación que se levará a cabo este verán e que contribuirá ao enriquecemento do patrimonio cultural galego.
As actuacións levadas a cabo ata o de agora en Cova Eirós por parte dos investigadores do Grupos de Estudos para a Prehistoria do Noroeste da USC en colaboración cun equipo do Institut Catalá de Paleocología Humana i Evolució Social de Tarragona (IPHES) permitiron obter as primeiras conclusións sobre a importancia deste enclave, sobre todo no que atinxe as pinturas e gravados atopados nas paredes da Gran Sala do interior da cavidade. Estes elementos servirán para coñecer e afondar nos modos de vida do paleolítico, as estratexias de caza e a subsistencia destas dúas especies de homínidos.
Proxectos de investigación
Esta actuación enmárcanse nos proxectos de investigación “Ocupacións humanas durante o Pleistoceno na cunca media do Miño” e “Poboamento durante o Pleistoceno medio/Holoceno nas comarcas orientais de Galicia” postos en marcha pola Universidade de Santiago e a Universitat Rovira i Virgili (Tarragona), que desde o ano 2006 veñen desenvolvendo diversos proxectos de investigación arqueolóxica. No caso concreto de Cova Eirós os traballos arrancaron en 2008 con labores de sondaxe e continuaron ata o ano pasado con escavacións arqueolóxicas e traballos de documentación das manifestacións de arte rupestre nesta cavidade.
A maiores do acordo establecido hoxe, a Consellería de Cultura e Educación –a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural- tamén colaborou nos traballos da Cova de Valdavara (no concello de Becerreá), con escavacións, documentación, estudo de materiais e traballos de conservación dos restos óseos deste xacemento paleolítico; que supuxeron un investimento de máis de 35.000 euros por parte deste departamento do Goberno galego.