Nova: 150 profesionais do sector cultural participan nun taller informativo sobre programas europeos de financiamento

19/06/2015

150 profesionais do sector cultural participan nun taller informativo sobre programas europeos de financiamento

O Museo de Belas Artes da Coruña acolle esta xornada, promovida pola Deputación da Coruña, a Consellería de Cultura e Educación e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte

  • Taller informativo sobre proxectos europeos Taller informativo sobre proxectos europeos
  • O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou na apertura do Taller de proxectos europeos de Europa Creativa O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou na apertura do Taller de proxectos europeos de Europa Creativa

A Coruña, 19 de xuño de 2015.- Un total de 150 profesionais do sector cultural, procedentes de empresas, organismos e entidades públicas e privadas, participan hoxe no taller Proxectos Europeos dos Programas Europa Creativa - Cultura e Europa cos Cidadáns 2014-2020, unha xornada que se desenvolve ao longo da mañá no Museo de Belas Artes da Coruña e que ten como obxectivo ofrecer información e resolver dúbidas sobre o proceso de presentación de proxectos culturais ás convocatorias destes dous programas europeos, que se abrirán no segundo semestre de 2015.

“O noso obxectivo hoxe é facilitar e ofrecer información clara a todas e todos os profesionais do sector cultural que estean interesados en presentar un proxecto europeo no marco destes dous programas de financiamento”, afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a apertura do taller, promovido pola oficina de Europa Creativa - Cultura e o Punto Europeo de Cidadanía, en colaboración coa oficina de Europe Direct da Deputación da Coruña e coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Boas ideas, capacidade e profesionalidade
“Sabemos que existen boas ideas, capacidade, profesionalidade e ánimo para abordar esta nova oportunidade que nos ofrece a nosa pertenza á Unión Europea para proxectar as nosas industrias culturais no contexto europeo”, asegurou Anxo Lorenzo, que tamén expresou o seu convencemento de que “as oficinas informativas competentes van contribuír a que estes novos proxectos poidan canalizarse e atopar ese apoio imprescindible desde as institucións europeas”.

O secretario xeral, que participou no acto de apertura xunto coa vicepresidenta en funcións da Deputación da Coruña, Mariel Padín; a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; e mais a directora do Museo de Belas Artes, Ángeles Penas, animou “a puxar polos vosos proxectos creativos e a aproveitar as nosas fortalezas culturais para lograr acceder a estas novas liñas de axuda e de financiamento, que convidan a dar un paso máis na expansión dun sistema cultural imprescindible no mundo contemporáneo”. “Desde a perspectiva administrativa –engadiu– isto ten a súa complexidade, pero entre todas as institucións trataremos de poñer os medios necesarios para que cada vez nos resulte un pouco máis doado”.

Logo da xornada informativa organizada pola Consellería en 2014 na Cidade da Cultura, este novo taller céntrase nas dúas convocatorias europeas que se abren no segundo semestre deste ano. Por unha banda, os proxectos de cooperación cultural europea, dirixidos a organizacións do ámbito cultural e creativo, tanto públicos como privados, e, por outra, a proxectos de irmandamento de cidades e Rede de cidades, enmarcados dentro do programa Europa cos Cidadáns, dirixidos ás autoridades locais e rexionais.

Aspectos prácticos e información de interese
Carolina Fenolle e Miguel Sánchez, técnicos da oficina Europa Creativa – Cultura e do Punto de Cidadanía, do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, son os encargados de lles presentar aos asistentes a esta xornada aspectos prácticos e de interese sobre a convocatoria de proxectos de cooperación cultural europea, así como de Irmandamento de cidades e Redes de cidades.

Comparte