Nova: Nova sesión do ciclo de música relixiosa de Barcia con solistas da Orquestra de Cámara Galega

20/06/2015

Nova sesión do ciclo de música relixiosa de Barcia con solistas da Orquestra de Cámara Galega

A igrexa barroca de San Martiño, en Covelo, acolle ata setembro un programa de seis concertos

Covelo (Pontevedra), 20 de xuño de 2015.- A igrexa barroca de San Martiño de Barcia de Mera, no concello pontevedrés de Covelo, acolle unha nova sesión do Ciclo de música relixiosa de Barcia de Mera, a cargo de solistas da Orquestra de Cámara Galega.

Obras de compositores como Vivaldi, Haendel e Purcell soarán a partir das 20:30 horas nun concerto ao que está previsto que asista o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. O seu departamento vén colaborando con esta iniciativa, que ata o vindeiro mes de setembro ofrecerá un total de seis concertos.

Recoñecidos artistas e agrupacións integran o cartel da sétima edición do ciclo, que comezou o pasado mes de abril cun concerto a cargo do Grupo Instrumental Siglo XX, ao que seguiu o recital ofrecido no mes de maio pola formación Luz y Norte, cun repertorio que tivo como protagonista a música europea e latinoamericana dos séculos XVI e XVII.

Próximos concertos
Xa no vindeiro mes de xullo, o día 18, o ciclo contará coa actuación da Capela Finis Terrae, que interpretará obras de Frescobaldi, Telemann, Bach e Haendel, mentres que o próximo 29 de agosto será a quenda de Vox Stellae, cun concerto conmemorativo do quinto centenario do nacemento de santa Teresa, con obras de Guerrero, Giovanni da Palestrina e do cancioneiro popular.

Finalmente, o ciclo, promovido pola parroquia de Barcia de Mera baixo a dirección artística de Nieves García-Soto, despedirase da man da mezzosprano Belén Elvira que, acompañada do pianista J.A. Álvarez Parejo, interpretará obras de compositores do talle de Haendel, Schubert, Mascagni, Verdi ou Falla.

Programación musical nunha contorna singular
O apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, ao Ciclo de música relixiosa de Barcia de Mera enmárcase no obxectivo de promover programacións de calidade que permitan, ao mesmo tempo, coñecer e poñer en valor o patrimonio cultural de Galicia.

Comparte