Nova: Inicio dos traballos de avaliación e documentación de varios xacementos arqueolóxicos da Mariña lucense

20/06/2015

Inicio dos traballos de avaliación e documentación de varios xacementos arqueolóxicos da Mariña lucense

O obxectivo destas actuacións é elaborar unha proposta de intervención para a protección e conservación a realizar nos diferentes xacementos

Santiago, 20 de xuño de 2015.- Esta semana dará comezo esta semana os traballos de avaliación do estado, documentación e proposta de actuación en varios xacementos arqueolóxicos da Mariña lucense, o que suporá unha inversión de 5.384 euros.

As actuacións proxectadas teñen por obxecto realizar unha prospección e realización de sondaxes arqueolóxicas a desenvolver en diversos lugares costeiros dos concellos de Barreiros, Cervo, Foz e Ribadeo, afectados polos temporais do inverno pasado.

Cos resultados obtidos e xunto coa información recadada con anterioridade, elaborarase unha proposta de intervención para a protección e conservación a realizar nos xacementos de Punta do Castro (Barreiros), Castro da Atalaia (Cervo), A Pampillosa (Foz), O Carreiro-Marzán (Foz), A Rega-As Cegoñas (Ribadeo) e Castro de Meiregos (Ribadeo).

Traballos
No marco destas accións, realizaranse os traballos complementarios que permitan unha mellor lectura e documentación de cada sitio, como o recoñecemento da súa estratigrafía mediante unha limpeza dos perfís ou unha pequena sondaxe. Con carácter previo revisarase a bibliografía, así como os inventarios, catálogos ou outras fontes documentais que permitan afondar no coñecemento de cada un dos bens.

Cómpre lembrar que, as especiais condicións meteorolóxicas desta liña costeira xunto á vulnerabilidade destes bens, supoñen un alto risco de desaparición do rexistro arqueolóxico existente, que dende a Consellería se quere evitar. Na zona xa se teñen documentados varios xacementos, que debido a temporais de anos anteriores, sufriron distintos danos que permiten, nalgúns casos, poñer o descuberto materiais descoñecidos ate o momento.

Comparte