Nova: O conselleiro de Cultura e Educación inaugura na Casa da Parra a exposición ‘Human Matter – Retratos dunha liña’, de Manuel Penín

05/06/2014

O conselleiro de Cultura e Educación inaugura na Casa da Parra a exposición ‘Human Matter – Retratos dunha liña’, de Manuel Penín

Xesús Vázquez Abad salientou a capacidade do artista para “compartir un instante concreto e reflectir de forma inmediata os seus sentimentos nunha nova obra de arte”

  • ‘Human Matter – Retratos dunha liña’ ‘Human Matter – Retratos dunha liña’
  • ‘Human Matter – Retratos dunha liña’ ‘Human Matter – Retratos dunha liña’
  • ‘Human Matter – Retratos dunha liña’ ‘Human Matter – Retratos dunha liña’
  • ‘Human Matter – Retratos dunha liña’ ‘Human Matter – Retratos dunha liña’

Santiago, 5 de xuño de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe na Casa da Parra a exposición ‘Human Matter – Retratos dunha liña’, do artista Manuel Penín. O conselleiro salientou a capacidade do artista para “compartir un instante concreto e reflectir de forma inmediata os seus sentimentos nunha nova obra de arte”.

Vázquez Abad gabou o “don natural” co que Manuel Penín “consegue captar a esencia dos rostros e levalos ao papel”. O conselleiro destacou como o artistas “sen ningún estudo previo e armado soamente do que en cada momento lle diga o seu extraordinario instinto creador, consegue debuxar obras extraordinarias”.

O conselleiro explicou que “esta é unha exposición viva, posto que o creador estará facendo retratos en vivo con debuxos en papel cunha soa liña a todo aquel que estea disposto a participar”. “Nesta ocasión, ademais da obra que vaia ocupando as paredes, o propio traballo de produción convértese en arte a través da man que debuxa, percibindo o ollo que capta e interpretando o que os visitantes son na súa esencia”, engadiu.

Por último, o titular de Cultura e Educación salientou o labor que se está a levar a cabo dende a Casa da Parra, posto que este centro posúe “unha traxectoria de crecente prestixio e unha apertura permanente á innovación e ás formas creativas que achegan á cidadanía novas propostas”. Ao acto de inauguración asistiu ademais o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

‘Human Matter – Retratos dunha liña’
A mostra, que estará aberta ata o 15 de xullo, é un proxecto onde se mestura un aspecto clásico na arte como é o artista e o modelo con outro mais actual como o de acción artística. Para elo, Manuel Penín estará durante o mes e medio que dure a exposición, en dúas sesións de maña e tarde, realizando retratos con debuxos en papel cunha soa liña aos cidadáns que se acheguen ata a Casa da Parra.

Na inauguración de hoxe a sala xa contou con 50 retratos, feitos semanas antes a xentes de todo tipo, sexo e condición na cidade de Compostela. Persoas coñecidas no ámbito público e cidadáns anónimos formarán parte da acción que irá medrado co paso dos días. Ademais haberá unha proxección dixital na que se poderá comprobar máis de preto como é este proceso de debuxo.
 

Comparte