Nova: Convocado o IX Premio Narrativa Breve Repsol

22/06/2015

Convocado o IX Premio Narrativa Breve Repsol

Cultura e Educación e a Fundación Repsol renovan neste certame a súa colaboración en prol da creación literaria en galego 

A obra gañadora será designada por un xurado composto por membros da Consellería, da Fundación Repsol, da Real Academia Galega, da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Editorial Galaxia

O prazo de presentación das obras estará aberto ata o 23 de xullo e a premiada, con 12.000 euros e a publicación do texto, darase a coñecer en setembro
 

Santiago, 22 de xuño de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Repsol veñen de renovar a súa colaboración en prol do impulso da creación literaria en galego a través da convocatoria do IX Premio Narrativa Breve Repsol, un certame consolidado xa no panorama das nosas letras e que conta co apoio de numerosas institucións de referencia na nosa lingua. De feito, a obra gañadora será designada por un xurado composto por membros da Consellería, da Fundación Repsol, da Real Academia Galega, da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Editorial Galaxia.

O prazo de presentación de obras estará aberto ata o vindeiro mes de xullo. As novelas, que serán orixinais e inéditas e terán unha extensión non inferior aos 50 folios e non superior aos 120, deberán estar escritas en lingua galega conforme á normativa establecida pola Real Academia Galega. O premio está dotado con 12.000 euros, que inclúen a adquisición por parte da Fundación Repsol dos dereitos de explotación da primeira edición en galego da obra gañadora, que será publicada pola Editorial Galaxia.

Desde 2006 o Premio Narrativa Breve Repsol convócase de forma anual. Na súa primeira edición o galardón recaeu na obra “Se algún día esta muller morta”, do xornalista Miguel Sande, mentres que o profesor da USC e xornalista Xavier Lama acadou un accésit por “O insomnio dos centauros”. A gañadora da segunda edición foi a obra “Así nacen as baleas”, da escritora Anxos Sumai; mentres que na terceira edición foi premiada “A verdade como mal menor”, do narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro obtivo o galardón polo traballo. O galardón da cuarta edición do premio foi para o escritor Xurxo Sierra pola peza “Os fíos”; mentres que o da quinta gañouno Fernando Díaz Castroverde Gómez, por “Microbios e outros paquidermos”; e o da sexta María López Sández, con “A forma das nubes”. Na edición 2013, a sétima, o premio recaeu en Berta Dávila por “O derradeiro libro de Enma Olsen”; e na de 2014 en “A diagonal dos tolos”, de Santiago Lopo.

Comparte