Nova: A MIT de Ribadavia aposta pola mestura de linguaxes artísticas nunha carteleira que abrirá a compañía La Veronal
25/06/2015
A MIT de Ribadavia aposta pola mestura de linguaxes artísticas nunha carteleira que abrirá a compañía La Veronal
Achegaralle ao público galego o traballo de destacadas formacións internacionais, aplaudidas en festivais como Avignon ou Edimburgo, xunto coas últimas propostas de compañías galegas
Ourense, 25 de xuño de 2015.- A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia presentou a carteleira da súa trixésimo primeira edición, que desenvolverá do 18 ao 25 de xullo coa participación dunha vintena de compañías e o apoio, entre outras entidades, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais). A combinación de linguaxes, xéneros e disciplinas artísticas, así como a aposta pola escrita dramática actual, son os principais eixes da programación que abrirá o espectáculo ‘Siena’ da compañía catalá La Veronal, Premio Nacional de Danza 2013, e pechará a comedia arxentina ‘Como si pasara un tren’, de Lorena Romanín, unha das grandes revelacións do circuíto ‘off’ madrileño.
O director da MIT, Roberto Pascual, detallou as principais novidades e propostas desta edición no transcurso da presentación da mostra en Ourense, na que estivo acompañado polo presidente da Deputación Provincial, José Manuel Baltar; o director da Agadic, Jacobo Sutil; e o alcalde de Ribadavia, José Ignacio Gómez. Pascual incidiu tamén en que o risco na elección de propostas contemporáneas que renovan a gramática dos espectáculos escénicos é compatible coa vontade de favorecerlles o acceso ao teatro a todos os públicos, sen prexuízos sobre estilos e gustos.
Espírito pioneiro
O director da Agadic, pola súa banda, asegurou que a MIT mantén vixente o “espírito pioneiro e fundacional” que tivo nos anos setenta como “axente catalizador da incipiente escena profesional galega”. “Ademais, na actualidade, constitúese nunha carteleira artística mundial de primeira orde, nun punto de encontro transcendental para as compañías de teatro galegas e nun paradigma da relación, activa e participativa durante todo o proceso, co público máis próximo, o que forman os propios veciños da vila do Avia e os incondicionais, ano tras ano, deste evento”, afirmou.
Jacobo Sutil tamén fixo referencia á colaboración da Xunta de Galicia coa Mostra Internacional de Teatro, que quedou formalizada o pasado martes mediante a sinatura dun convenio entre a Agadic e o Concello de Ribadavia. Este apoio concrétase nunha achega económica de 60.000 euros para a organización desta nova edición da MIT que, tal e como recolle o documento rubricado, se consolida como un dos eventos máis importantes do sistema teatral galego.
Mestizaxe de danza, cine, pintura e circo
Na súa aposta pola hibridación de linguaxes artísticas e a transgresión das convencións estilísticas, o cartel deste ano achegaralles aos espectadores a mestura da danza co cine e a pintura na montaxe de La Veronal; das maquetas, as vídeo-proxeccións, a manipulación de vídeo en tempo real e as ‘performances’ en ‘A house in Asia’, de Sr. Serrano; ou do circo co teatro de obxectos en ‘MOBIL’, de La Güasa. E mesmo haberá lugar para espectáculos que se presentan como un dispositivo escenográfico a través do que o público observa a vida duns artistas, como é o caso da coprodución europea ‘Swamp Club’, coa que o director francés Philippe Quesne e a súa compañía, Vivarium Studio, se presentan por vez primeira en Galicia.
Polo que respecta á autoría dramática contemporánea, todas as propostas seleccionadas corresponden a autores actuais (Josep M. Miró i Coromina, Cristian Ceresoli, Marius von Mayenburg, Lorena Romanín ou Manuel Cortés, entre outros), en liña coa prioridade que a organización da MIT manifestou tamén na convocatoria do seu X Premio Abrente, a través do que se busca “escribir a escena do presente”.
Representación galega
En canto á representación galega, na programación hai lugar tanto para o apoio ás novas compañías a través do Programa L (Velaivai, A Panadaría e Inversa Teatro) como para as últimas propostas de Chévere, Viravolta, Teatro do Atlántico e ilMaquinario Teatro.
Así, a nosa escena convivirá con formacións de recoñecida traxectoria internacional, aplaudidas en festivais de referencia como os de Avignon (Vivarium Studio e a compañía chilena La Re-sentida) e Edimburgo. Neste último caso atópase o espectáculo italiano ‘La Merda’, Premio Fringe ao mellor texto e The Stage Award á mellor actriz, entre outros galardóns.
Como en anos anteriores, a oferta para o público infantil está configurada tamén por achegas contemporáneas, que destacan igualmente pola súa innovación, como as dos espectáculos ‘MOBIL’, de La Güasa; ‘Palabras de caramelo’, de Títeres María Parrato; ou ‘Rudo’, de Manolo Alcántara.