Nova: Antón Pulido, Premio Trasalba 2015
28/06/2015
Antón Pulido, Premio Trasalba 2015
Cultura felicita ao artista, cuxa obra ten un íntimo vínculo con Galicia
Amoeiro (Ourense), 28 de xuño de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, felicitou a Antón Pulido polo seu recoñecemento co Premio Trasalba 2015. O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia gabou a traxectoria do pintor e o seu servizo á cultura do país, que desempeñou a través do seu labor como director xeral de Cultura da Xunta de Galicia e como primeiro director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).
Neste sentido, salientou a íntima relación do ourensán coa nosa terra ao longo de todo o seu itinerario vital, combinando na súa obra as imaxes da Galicia tradicional xunto coas técnicas e formas contemporáneas. Ao acto de entrega de galardóns asistiu, entre outras autoridades, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
Traxectoria
A Fundación Otero Pedrayo decidiu designar ao pintor Antón Pulido (Bóveda, Amoeiro, 1944) como Premio Trasalba 2015, valorando a súa carreira artística, a calidade e personalidade da súa obra como pintor e gravador, así como o seu vencello á figura de Ramón Otero Pedrayo. Non en balde, foi este último quen apadriñou os inicios de Pulido e as súas primeiras exposicións no Ourense dos anos 70.
Licenciado en Pintura e Gravado pola Facultade de Belas Artes de Sant Jordi (Barcelona), a Pulido ten chegado coa súa obra, ademais de a todo o territorio español, a museos e galerías de Taiwán, Corea do Sur, China e Italia, entre outros países. Dentro da terra, a súa valía valeulle o recoñecemento como ‘Fillo predilecto de Amoeiro’ e como ‘Vigués distinguido’. Na actualidade a Xunta de Galicia colabora na difusión da obra do artista a través da exposición ‘Antón Pulido. Antolóxica’, que pasou xa polas cidades de Vigo e Ourense.
O premio Trasalba, que outorga a Fundación Otero Pedrayo, instituíuse no ano 1983 e celébrase no último domingo do mes xuño. Aínda que nun primeiro momento a galardoada había de ser unha persoa cunha clara vinculación, directa ou indirecta, coa figura e os ideais de Ramón Otero Pedrayo, a concesión hoxe en día céntrase máis no recoñecemento a referentes actuais da cultura galega. Agás o caso do premio póstumo a Agustín Sixto Seco, fundador e primeiro presidente da Fundación, sempre se concede a unha persoa en vida.