Nova: A fermosura do pequeno centra a nova sesión do ciclo musical Do Audible

29/06/2015

A fermosura do pequeno centra a nova sesión do ciclo musical Do Audible

O 30 de xuño, o compositor Alberto Bernal e o investigador de arte contemporánea Federico López Silvestre ofrecen 'Eloxio do mínimo', unha conversa sobre a arte mínima
 

Na xornada, o grupo Vertixe Sonora Ensemble interpretará obras de compositores como Ablinger, Liszt ou Spahlinger
 

Despois do verán, este programa de concertos chegará a Pontevedra, o 20 de outubro, e a Lalín, o 25 de novembro

  • Alberto Bernal Alberto Bernal
  • A nova sesión do ciclo de música contemporánea do audible propón un ‘Eloxio ao mínimo’ na Casa do Saber de Lugo A nova sesión do ciclo de música contemporánea do audible propón un ‘Eloxio ao mínimo’ na Casa do Saber de Lugo

Santiago, 29 de xuño de 2015.- A segunda sesión do ciclo de música contemporánea Do Audible realiza, o vindeiro martes 30 de xuño, un ‘Eloxio do mínimo’ da man do compositor Alberto Bernal e do investigador de arte Federico López Silvestre, que conversarán a partir de diversas propostas artísticas e de pezas musicais baseadas no uso dun material extremadamente reducido.

Logo da sesión inaugural o pasado mes de maio na Fundación Luis Seoane da Coruña, cun percorrido musical polas “cidades invisibles” de Italo Calvino, este ciclo promovido pola Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria viaxa ata a Casa do Saber de Lugo, ás 20:30 horas, para ofrecer unha experiencia singular arredor da música contemporánea sobre a arte mínima, que contará, como en cada sesión, cun concerto a cargo da formación Vertixe Sonora Ensemble.

Roberto Alonso (violín), Vadzim Yukhnevich (acordeón), David Durán (piano) e Diego Ventoso (percusión) ofrecerán un repertorio musical con obras dos compositores Peter Ablinger, Luc Ferrari, Franz Liszt, La Monte Young, Giacinto Scelsi, Alberto Bernal e Mathias Spahlinger, que proclaman a fermosura do pequeno.

Relevantes personalidades da cultura
O ciclo Do Audible ofrece un programa de catro sesións para afondar en puntos de encontro entre a música, a ciencia, a arte e o pensamento, que faciliten o achegamento do público non especializado e a conquista dunha percepción musical máis consciente. Para iso, as propostas musicais organízanse arredor dun foco temático e interactúan con relevantes personalidades do mundo da cultura, que achegan informacións e perspectivas de interpretación da música esclarecedoras para os oíntes.

Na edición de 2015, xunto coas cidades invisibles de Calvino e a arte mínima, completan os eixos temáticos do ciclo os últimos avances en astronomía e mais o baleiro. Para transitar estas propostas temáticas, Do Audible ofrecerá dúas sesións máis despois do verán: o 20 de outubro no Café Moderno de Pontevedra, e o 25 de novembro no Museo Ramón María Aller de Lalín, onde rematará a terceira edición do ciclo.

O relator
Federico López Silvestre é docente na Universidade de Santiago de Compostela (USC) desde 1999. Premio extraordinario de doutoramento en Historia da Arte na mesma universidade e doutorando en Filosofía na Universidade de Salamanca, dirixe a colección Paisaje y Teoría, da editorial Biblioteca Nueva (Madrid) e a colección Vita Aesthetica, da editorial Díaz & Pons (Madrid). Codirixiu o Máster de Arte, Museoloxía e Crítica Contemporánea da USC entre 2007 e 2012. Foi docente convidado en mestrados de varias universidades. Realizou estadías de investigación na École des Hautes Études en Sciences
Sociales de París, na Université Lumière Lyon-2 e na Universidade de Santiago de Chile, e participou en congresos e seminarios en España, Portugal, Francia, Italia, Alemaña, Finlandia, Brasil, Chile e Polinesia.

Diálogo entre disciplinas artísticas e científicas
A programación do ciclo, co que a Consellería de Cultura e Educación, ten como un dos seus obxectivos principais abrir camiños novos na creación sonora contemporánea e establecer diálogos actuais entre as diversas disciplinas artísticas e científicas, pode consultarse na Axenda de Cultura de Galicia, en www.cultura.gal
 

Comparte