Nova: Atardecer no Gaiás ponlle banda sonora ao verán con 24 concertos de balde
29/06/2015
Atardecer no Gaiás ponlle banda sonora ao verán con 24 concertos de balde
O xoves 2 de xullo, a Cidade da Cultura acolle a primeira das actuacións para gozar ao caer o sol: a da banda compostelana Puma Pumku
Venres será a quenda do pop electrónico de Amatria e o sábado a mellor combinación de blues, soul e rock and roll cos galegos The Lákazans.
Todos os concertos son de balde, comezan ás 21:00 horas e teñen lugar na praza central do Gaiás. Haberá un último bus de baixada ás 22:45 horas
Santiago, 29 de xuño de 2015.- O ciclo ‘Atardecer no Gaiás’ ponlle banda sonora ao verán con 24 actuacións en pequeno formato para gozar da música ao caer do sol. A quinta edición do ciclo de concertos da Cidade da Cultura arranca este xoves, 2 de xullo, coa actuación da banda local Puma Pumku. Esta primeira semana completarase co pop electrónico de Amatria e o soul de The Lákazans.
A praza central do Gaiás será unha vez máis o escenario dun Atardecer no Gaiás que contará con grandes nomes como León Benavente, La Habitación Roja, Flamingods ou Is Tropical. Todos os xoves, venres e sábados, a partir das 21:00 horas e con entrada de balde, a Cidade da Cultura ofrece a mellor música do momento.
Rock, electrónica e soul
A festa comeza este xoves, 2 de xullo, co rock psicodélico de Puma Pumku. Amadeo Varela, Guillermo Cavero -Pamper-, Francisco Varela, Óscar Raña -Pulpo- e Álvaro Dosil -Coque- ofrecen guitarras que se entralazan en loops infinitos e voces que falan de mundos que non están neste. Ao Gaiás chegan con disco baixo o brazo: ‘Is It In You?’, unha declaración de intencións que destila enerxía, ambición e inquietude.
O venres será a quenda de Amatria, o proxecto persoal do músico, cantante, produtor e DJ Joni Antequera que cabalga entre a electrónica e as melodías pop. No Gaiás, Amatria ofrecerá unha sesión de “indietrónica” chea de cancións pop e xogos de bucles electrónicos, efectos e volúmenes.
E para acabar esta primeira semana de ‘Atardecer no Gaiás’, a praza central acollerá a mellor combinación de blues, soul e rock and roll do momento cos galegos The Lákazans. Á Cidade da Cultura traerán os temas do seu primeiro disco, ‘Homegrown’, co que farán bailar ata o máis aburrido.
Último bus ás 22:45 horas
Todos os concertos de ‘Atardecer no Gaiás’ son de balde e comezan ás 21:00. No caso de que o tempo non acompañe, as actuacións trasládanse á Sala Eisenman. E para os que non queiran perder nada dos concertos e non depender do coche, Tussa pon en marcha un servizo especial de bus urbano, cunha última baixada do Gaiás ás 22:45 horas.