Nova: As Feiras do Libro de Galicia 2015 levarán a Vigo as novidades editoriais e máis de 50 actividades

29/06/2015

As Feiras do Libro de Galicia 2015 levarán a Vigo as novidades editoriais e máis de 50 actividades

A cidade olívica acolle esta nova cita no calendario da feiras, que durante o verán tamén chegarán aos concellos de Ribeira, de Rianxo, da Coruña, de Viveiro, de Foz e de Monforte de Lemos

Vigo, 29 de xuño de 2015.- As Feiras do Libro de Galicia 2015, promovidas pola Federación de Librarías de Galicia e pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, chegan a Vigo esta semana coa produción editorial máis recente e con máis de 50 actividades arredor do libro e da lectura para todos os públicos.

Do vindeiro 3 ao 12 de xullo, a rúa Progreso da cidade da oliveira será o escenario desta nova cita co libro e a lectura, que foi presentada esta mañá pola presidenta da federación, Pilar Rodríguez, e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra.

Un espazo de dinamización cultural
“A colaboración e o traballo conxunto entre os diferentes axentes do ámbito editorial permítenos que as Feiras do Libro de Galicia sexan un escaparate vivo, un evento que vai máis alá da exposición e venda de publicacións, para se converter nun auténtico espazo de dinamización cultural da cidade, de encontro directo cos escritores, coa palabra cantada, coa atención aos públicos diversos”, afirmou Anxo Lorenzo durante a rolda de prensa.

En referencia á programación cultural que se desenvolverá durante os próximos días no marco deste evento, Anxo Lorenzo explicou que este ano se van abrir na feira as páxinas suxestivas dalgunhas das novidades editoriais galegas que transcorren na historia das rúas desta cidade, como as obras ‘Cabalos e lobos’, de Fran Pérez Lorenzo, ou ‘Ocaso da familia Portela’, da autoría de Noa Pérez, que se presentarán na feira.

Ademais, a apertura da feira contará co pregón da escritora de Vigo Ledicia Costas e tampouco faltará a música enraizada na cidade a cargo do grupo vigués Xardín Desordenado, que presentará os temas do seu novo disco, ‘Aprendendo a ladrar’, así como do grupo de gaitas e baile da SCD Atlántica de Matamá e da banda de música Unión Musical de Cabral.

Recoñecidos escritores
“En definitiva –asegurou–, a feira contará con voces viguesas de referencia”, entre as que tamén se inclúen as de Iolanda Zúñiga, Xosé María Álvarez Cáccamo, Vítor Vaqueiro e Rexina Vega, á par doutros recoñecidos escritores galegos como Agustín Fernández Paz, Elena Gallego, Marcos Calveiro e María Reimóndez, que tamén participarán na programación da feira para presentar as súas obras e manter encontros cos lectores e lectoras.

Xunto coas presentacións e sinaturas de libros, a feira contará con diversos obradoiros, contacontos e espectáculos de maxia para o público máis novo. A poesía tamén será protagonista da programación, cos recitais poéticos a cargo do grupo Brétema e de Rosa María González, e cunha homenaxe poética á escritora María do Carmo Kruckemberg, recentemente falecida.

A Juan Compañel sae á rúa
O secretario xeral tamén puxo en valor a implicación na programación da Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel, que contará cun stand propio na feira onde dará a coñecer as súas colección, ademais de organizar actividades de dinamización da lectura. Finalmente, recordou que o lema das Feiras do Libro de Galicia 2015, ‘A historia en letras’, constitúe unha homenaxe a Xosé Filgueira Valverde, ao que este ano a Real Academia Galega lle dedicou o 17 de maio.

Próximas citas
As Feiras do Libro de Galicia iniciaron o pasado 14 de abril en Pontevedra a edición de 2015, que percorrerá un total de 12 concellos das catro provincias galegas ata o mes de agosto. Logo do seu paso por Pontevedra, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Vigo, as feiras chegarán tamén no mes de xullo a Ribeira, do 16 ao 19, e a Rianxo, do 23 ao 26. En agosto regresará a Feira do Libro da Coruña, que se celebrará do día 1 ao 10. A continuación, a provincia lucense acollerá as tres últimas citas deste ano, nos concellos de Viveiro, do 13 ao 16; de Foz, do 20 ao 23; e, finalmente, de Monforte de Lemos, onde terá lugar do día 26 ao 29.

O calendario das Feiras do Libro de Galicia está accesible na Axenda de Cultura de Galicia, en www.cultura.gal
 

Comparte