Nova: A Consellería de Cultura e Educación acolle no centro Ramón Piñeiro un novo seminario internacional sobre literatura infantil e xuvenil

30/06/2014

A Consellería de Cultura e Educación acolle no centro Ramón Piñeiro un novo seminario internacional sobre literatura infantil e xuvenil

Congrega, entre hoxe e mañá, expertos dos ámbitos galego, portugués, brasileiro, catalán, éuscaro e castelán

A primeira xornada contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística
 

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2013.-  O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, acolle entre hoxe e mañá o “Seminario/Workshop internacional: obras inolvidables na literatura infantil e xuvenil. Visións do feminino”. Faino no marco da participación deste centro de investigación adscrito á Secretaría Xeral de Política Lingüística na Rede Temática de Literaturas Infantís e Xuvenís do Ámbito Ibérico e Iberoamericano, ao abeiro do proxecto “Literatura Infantil e Xuvenil”, que coordina a profesora e investigadora do CRPIH Ana Blanca Roig Rechou.

Á primeira xornada de traballo, que se desenvolveu na sede do CRPIH, asistiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. No encontro científico anual participan expertos en literatura infantil e xuvenil dos ámbitos galego, portugués, brasileiro, catalán, éuscaro e castelán.

Canda á mencionada Rede Temática de Literaturas Infantís e Xuvenís do Ámbito Ibérico e Iberoamericano e o CRPIH, tamén participa nel o Grupo de Investigación LITER21 da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Movementos migratorios na literatura infantil e xuvenil. Visións do feminismo
A Consellería de Cultura e Educación, por medio do CRPIH, tamén organiza esta semana -en colaboración co Grupo de Investigación LITER21 e mais coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega- a XI edición do curso de literaturas infantís e xuvenís que ofrece a USC dentro da súa oferta de formación continua.

O curso ten como finalidade formar e informar sobre a evolución destas literaturas no marco ibérico e iberoamericano, analizándoas desde un enfoque comparativo que dea a coñecer os axentes literarios máis febles en cada ámbito lingüístico, as narracións visuais a partir das ilustracións que complementan a narración textual e a súa influencia na innovación educativa tendo en conta as visións do feminino na contribución á non discriminación por cuestións de xénero.

As sesións desenvolveranse en Santiago de Compostela desde mañá ata o venres -na sede do CRPIH, mañá, e mais na Biblioteca Novacaixagalicia, o resto dos días- os membros da Rede Temática de Literaturas Infantís e Xuvenís do Ámbito Ibérico e Iberoamericano ofrecerán cadansúa panorámica en relación a estes aspectos nos seus respectivos sistemas literarios, así como reflexións arredor das estratexias e perspectivas de futuro.

O programa XI curso de perfeccionamento “Movementos migratorios na literatura infantil e xuvenil. Visións do feminismo” inclúe encontros cos escritores Alfredo Gómez Cerdá, Antonio García Teijeiro, António Mota, Concha Blanco, Rafael Lema e Fran Alonso; a presentación da obra “Innigración/emigración na literatura infantil e xuvenil”; presentación de propostas didácticas para as aulas de primaria e secundaria; talleres de creación literaria, de ilustración e de narración e propostas de innovación educativa a partir da literatura.

Proxectos de investigación literaria do Centro Ramón Piñeiro
A Rede Temática de Literaturas Infantís e Xuvenís do Ámbito Ibérico e Iberoamericano intégraa un grupo de investigación interdisciplinar (formado por docentes de dez universidades de España, catro de Portugal e catro de Iberoamérica) que estuda a produción, recepción e mediación das lecturas textuais e visuais destinadas á infancia e á xuventude, aínda que non exclusivamente. Creouse no ano 2004 a raíz do primeiro encontro de investigadores do marco ibérico, que organizou o CRPIH.

O centro de investigación adscrito á Secretaría Xeral de Política Lingüística desenvolve actualmente varios proxectos centrados na literatura, entre os que cabe destacar o de Informes de literatura (un observatorio da literatura galega que acolle a produción anual de e sobre narrativa, poesía, teatro, celebración das Letras Galegas, ensaio, literatura infantil e xuvenil, literatura de transmisión oral etc), Dicionarios de literatura (no marco do que se está a elaborar un gran dicionario xeral de termos literarios, do que sairán outros máis especializados de cada unha das disciplinas ou áreas deste campo) ou Literatura Infantil e Xuvenil.

 

Comparte