Nova: A Consellería de Cultura e Educación colabora co festival ‘Vía Stellae’ co concerto que o violinista Fabio Biondi ofrecerá no Salón Teatro

30/06/2014

A Consellería de Cultura e Educación colabora co festival ‘Vía Stellae’ co concerto que o violinista Fabio Biondi ofrecerá no Salón Teatro

O intérprete italiano, xunto ao clavecinista neoiorquino Kenneth Weiss, executará un programa baseado nas sonatas para violín e piano de J. S. Bach

A cita no espazo compostelán será mañá martes 1 de xullo ás 20:30 horas

Santiago, 30 de xuño de 2014.- O Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acollerá mañá martes 1 de xullo un concerto do violinista italiano Fabio Biondi como escenario colaborador do festival de música Vía Stellae que o Concello de Santiago está a desenvolver desde o pasado 20 de xuño e ata o próximo día 15 en distintos espazos de Compostela.

O músico palermitano e o clavecinista neoiorquino Kenneth Weiss, dous grandes nomes da denominada corrente interpretativa historicista, dedicarán integramente o recital ás sonatas para violín e clave de Johann Sebastian Bach. En concreto, a primeira parte do programa ofrecerá as obras en do menor BWV 1017 e en Mi maior BWV 1016, en tanto que despois da pausa soarán o Preludio e fuga en Si bemol maior BWV 1018 de O clave ben temperado e a Sonata para violín e clave en Sol maior BWV 1019.

As entradas para asistir ao concerto, que dará comezo ás 20:30 horas, poden mercarse xa na billeteira do Teatro Principal (rúa Nova, 21) de 18 a 21:00 horas, na web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443.

As seis sonatas para violín e clave, escritas por Bach (1756-1850) mentres prestaba os seus servizos en Weimar e Cöthen, constitúen un magnífico exemplo da profundidade expresiva e do perfeccionista dominio técnico do autor como mestre da composición barroca. Desde o punto de vista instrumental, son pezas dunha gran modernidade, que forman un conxunto compactado e planificado no intento de aproveitar ao máximo as posibilidades desta determinada forma musical.

Gran virtuosismo
A súa execución require un gran virtuosismo e un elevado dominio dos dous instrumentos, calidades que reúnen tanto Biondi, solista habitualmente convidado polas mellores orquestras do mundo e moi recoñecido polas súas gravacións discográficas, como Weiss, destacado intérprete e director de producións operísticas, que exerce ademais na actualidade de profesor no Conservatorio de París e é catedrático da Julliard School.

Comparte