Nova: Entrega dos Premios Mans Futuro á excelencia musical
30/06/2015
Entrega dos Premios Mans Futuro á excelencia musical
O obxectivo dos galardóns é recoñecer o esforzo dos estudantes dos conservatorios de música de Galicia, ademais de servir como proxección para os novos talentos galegos
Santiago, 30 de xuño de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Paideia, a través de Mans centro de gravación, fixeron entrega dos IX Premios á Excelencia Musical a tres alumnos dos distintos conservatorios musicais galegos.
O acto asistiu o director xeral de Centros, José Manuel Pinal, e o vicepresidente da Fundación Paideia, Guillermo Vergara; que xunto á asesora xurídica da Fundación, Myriam Lozano; e a responsable de comunicación FNAC A Coruña, Elena Feiro; foron os encargados de facer entrega dos galardóns.
Requisitos
Para optar a estes premios, os aspirantes tiñan que ter acadada a cualificación de sobresaínte ou matrícula de honra no concerto fin de carreira das ensinanzas superiores de música, no ano académico 2013-2014 en calquera dos dous conservatorios superiores de música; e superar a proba de selección, que consistía na execución dun Programa Libre de Concerto dunha duración máxima de vinte minutos.
O tribunal cualificador desta edición estivo presidido polo compositor José Luís Turina, director da Xoven Orquestra Nacional de España e Premio Nacional de Música; polo responsable do Servizo de Ensinanzas do Réxime Especial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Álvaro Ariño; e Eulogio Fernández Albalat, Director do Conservatorio Superior da Coruña.
Os gañadores
Nesta edición o primeiro premio recalou en Ricardo Nuno Alves Pereira (guitarra), o segundo foi para Pablo Díaz Mera (Flauta travesera) e o terceiro para José Miguel Franqueiro (tuba). Ademais, recibiron mención de honra Diego Neira Sinde e David Lamas Blanco, canto e clarinete, respectivamente.
Como premio, os galardoados gravaron un CD, que foi mesturado, editado e masterizado no estudio Mans, dependente da Fundación Paideia e do que se editarán 500 copias. Pola súa banda, a FNAC da Coruña participa tamén nos premios, colaborando na distribución dos CDs, mediante un acordo de colaboración con Paideia. Deste xeito, os premiados contemplan todas as partes esenciais de percorrido dun artista: a gravación, a edición, a difusión e a distribución.
Con iniciativas coma esta a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa a fomentar a excelencia dos artistas novos que veñen de rematar os seus estudos superiores de música en Galicia.