Nova: Cultura e Educación inaugura na praza do Toural o ciclo ‘Atardecer no Gaiás’ coa banda coruñesa “Sensacional”

29/06/2014

Cultura e Educación inaugura na praza do Toural o ciclo ‘Atardecer no Gaiás’ coa banda coruñesa “Sensacional”

O quinteto liderado por Ricardo Saavedra encargarase de animar a festa de presentación do ciclo da Cidade da Cultura na praza do o vindeiro xoves día 3

A cuarta edición de ‘Atardecer no Gaiás’ terá 24 actuacións de balde durante os xoves, venres e sábados de xullo e agosto, con bandas como Grampoder, Talabarte, María Rodes, Los Punsetes ou La Maravillosa Orquesta del Alcohol

Santiago, 29 de xuño de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inaugura este xoves, 3 de xullo, o ciclo de música ‘Atardecer no Gaiás’ cunha gran festa de presentación na praza do Toural. Será coa banda coruñesa Sensacional, unha das grandes promesas pop deste 2014, que subirán ao escenario a partir das 21:00 horas.

‘Atardecer no Gaiás’ volve na súa cuarta edición a poñerlle música, ritmo e poesía ás tardiñas de Compostela cun total de 24 concertos de balde, durante os xoves, venres e sábados de xullo e agosto. Actuacións en pequeno formato que configuran un cartel onde hai sitio para os máis variados gustos musicais: desde o pop de Grampoder ata o folk de Talabarte, a copla de María Rodés, o indie de Los Punsetes ou clásicos como a Orquestra de Cámara Galega.

A festa de presentación terá lugar o xoves 3 de xullo na praza do Toural, en pleno centro histórico de Santiago de Compostela, onde a banda coruñesa Sensacional animará ao público co mellor do seu pop actual. Este quinteto formado por coñecidos músicos da escena coruñesa e liderado por Ricardo Saavedra tráenos melodías que rozan a perfección.

Clausura o 30 de agosto con Toy
A actuación de Sensacional será o única fóra do Gaiás, o resto terá lugar na praza central da Cidade da Cultura de Galicia, como todos os anos. Durante dous meses desfilarán polo Gaiás diferentes voces e ritmos con espectáculos que van desde o pop de Grampoder ao folk de Talabarte, o indie de La Maravillosa Orquesta del Alcohol ou Los Punsetes, a copla de María Rodés. Tamén haberá bandas internacionais como os lusos Gala Drop ou a norteamericana Eleanor Friedberg, e o xa clásico miniciclo da Orquestra de Cámara Galega.

A clausura desta cuarta edición de ‘Atardecer no Gaiás’ terá lugar o sábado 30 de agosto cun gran concerto final a cargo de Toy, unha das bandas máis interesantes da escena musical de Reino Unido.

Comparte