Nova: O XII Curso de Medios Audiovisuais de Celanova centrarase no acceso aos mercados e nos novos formatos

03/07/2015

O XII Curso de Medios Audiovisuais de Celanova centrarase no acceso aos mercados e nos novos formatos

O programa inclúe tres masterclass co montador Guillermo Represa, o compositor Sergio Moure de Oteyza e o director de fotografía Suso Bello, relatorios, concertos e unha nova entrega do taller ‘Celanova, plató de ficción’

Celébrase no Auditorio Ilduara do 7 ao 10 de xullo baixo o título ‘O audiovisual galego: abrindo fronteiras desde a diversidade’ e configurado como un curso de verán de extensión universitaria

A Agadic volve colaborar no encontro que organiza a Fundación Carlos Casares, co patrocinio da Deputación de Ourense, o Concello celanovés e a Universidade de Vigo

  • Jacobo Sutil na rolda de prensa desta mañá Jacobo Sutil na rolda de prensa desta mañá
  • Jacobo Sutil na rolda de prensa desta mañá Jacobo Sutil na rolda de prensa desta mañá

Ourense, 3 de xullo de 2015.- O Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC) desenvolverá a súa duodécima edición do 7 ao 10 de xullo no Auditorio Ilduara da vila ourensá. Durante estes catro días programaranse relatorios de destacados profesionais do sector, foros de debate, concertos e tres masterclass de montaxe, composición e dirección de fotografía, así como a exhibición do traballo resultante da nova entrega do taller ‘Celanova, plató de ficción’.

Baixo o título ‘O audiovisual galego: abrindo fronteiras desde a diversidade’, o curso deste ano dedicaralle un especial protagonismo ás diferentes vías de expansión das producións galegas, ben a través do acceso aos mercados nas mellores condicións posibles, ben mediante a apertura aos novos soportes e formatos.

Máximo 70 alumnos
A Fundación Carlos Casares encárgase da organización do encontro que, configurado como un curso de verán de extensión universitaria para un máximo de 70 alumnos, conta co patrocinio da Deputación Provincial de Ourense, o Concello de Celanova e a Universidade de Vigo, ademais de coa colaboración da Agadic e a Televisión de Galicia.

O seu programa completo, que reunirá na vila ourensá unha vintena de destacados profesionais do sector, foi presentado esta mañá no transcurso dun acto no que interviñeron o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director da Agadic, Jacobo Sutil, xa que a Axencia Galega de Industrias Culturais colabora no curso; o vicerreitor da Universidade de Vigo, Virxilio Rodríguez; o alcalde de Celanova, José Luis Ferro; o presidente da Fundación Casares, Xavier Casares; o director do CeMAC, Miguel Anxo Fernández, e o director do taller ‘Celanova, plató de ficción’, Paulino Pérez Feijoo.

Na súa intervención, o director da Agadic valorou especialmente as novidades introducidas este ano coa incorporación das tres masterclass que, como explicou, correrán a cargo de “cualificados profesionais galegos, xa consolidados na industria cinematográfica e que teñen traballado para os mellores directores e produtoras”. Así, Guillermo Represa impartirá o 8 de xullo a clase maxistral dedicada á montaxe; Sergio Moure de Oteyza, o 9 de xullo a de composición de bandas sonoras; e Suso Bello, tamén o día 9 a de dirección de fotografía.

Están previstas, ademais, as intervencións como relatores doutros destacados nomes do noso audiovisual nos seus diferentes ámbitos (produción, guión, dirección, interpretación e postprodución), como Carlos Carballo, Alberto Guntín, Jorge Casinello, Mamen Quintas, Pablo Llamosa, Raúl Veiga, Ángel de la Cruz, Diana López, Dani de la Torre, Emma Lustres, Alfonso Zarauza, Ignacio Vilar e Antonio Durán “Morris”.

Mesa sectorial
Así mesmo, na última xornada terá lugar o foro de debate ‘Onde está e cara a onde vai o audiovisual galego?’ no que, co xornalista Xosé Manuel Rodríguez como condutor, estarán representadas algunhas das principais entidades e asociacións empresariais do ámbito audiovisual: ademais da Agadic e a Televisión de Galicia, a Academia Galega do Audiovisual, o Clúster Audiovisual Galego (Clag), a Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual (Aega) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).

Como actividades complementarias a este programa, organizaranse dous concertos e unha serie de proxeccións do taller ‘Celanova, plató de ficción’, que este ano alcanza a súa sexta edición. Na semana previa ao curso, o alumnado seleccionado gravará e montará un proxecto audiovisual que foi elixido mediante un concurso de ideas aberto a todos os alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo. Ademais, e como en anos anteriores, a interpretación correrá a cargo de estudantes da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia.

O curso, para o que o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o propio día 7, ten como prioridade a formación e a divulgación no ámbito audiovisual. É por iso que, aínda que se dirixe de xeito preferente á comunidade universitaria, ábrese tamén á asistencia doutro tipo de estudantes, profesionais e persoas interesadas no sector.

Comparte