Nova: Unha ampla programación de actividades culturais e didácticas dinamiza os museos de Galicia este verán

04/07/2015

Unha ampla programación de actividades culturais e didácticas dinamiza os museos de Galicia este verán

Exposicións, obradoiros, percorridos vivenciais e visitas guiadas centran a programación da temporada estival nos museos de Cultura e Educación

Os obxectivos desta programación son ofrecerlle á cidadanía unha oferta cultural de calidade e achegar públicos novos aos museos tamén no verán
 

  • Imaxe de Val del Omar Imaxe de Val del Omar
  • Imaxe da exposición 'Camiño. A orixe' Imaxe da exposición 'Camiño. A orixe'
  • Imaxe do petróglifo de Campo Lameiro Imaxe do petróglifo de Campo Lameiro

Santiago, 4 de xullo de 2015.- Os museos públicos galegos contan este verán cunha completa programación expositiva e de actividades complementarias para favorecer o achegamento e a posta en valor do patrimonio cultural que albergan. Ademais do labor permanente de conservación, restauración e estudo que levan a cabo, os museos de xestión autonómica propoñen para os meses de vacacións unha oferta centrada en exposicións, visitas guiadas, cursos e obradoiros para todos os públicos.

Mostra ‘Camiño. A orixe’ no Museo Centro Gaiás
Ata o 13 de setembro permanecerá aberta no Museo Centro Gaiás a exposición ‘Camiño. A Orixe’, unha selección de 150 obras de arte e 11 intervencións artísticas que ofrecen unha visión contemporánea da ruta xacobea. Xunto coas visitas guiadas, o 8, 15, 22 e o 29 de xullo poderase descubrir a exposición a través das ‘Nocturnas’, unha serie de visitas á luz do solpor nas que se recreará a noite da descuberta dos restos do Apóstolo, que rematará cunha actuación musical. Ademais, do 2 de xullo ao 10 de setembro a Cidade da Cultura organiza, coa Fundación USC Deportiva, rutas a pé pola cidade ata o Bosque de Galicia, no Gaiás, nun percorrido que se completa cunha visita guiada á mostra ‘Camiño. A orixe’.

Por outra parte, en Santiago de Compostela tamén se pode visitar en xullo a exposición permanente do Mupega e do Museo das Peregrinacións e de Santiago, cuxa colección da Casa Gótica pasará –a partir de agosto– a ser visitable na nova sede da Praza das Praterías, na que se inaugurará en setembro unha mostra temporal sobre os máis de 40 proxectos realizados no museo desde 1999, a través dos seus carteis, catálogos ou trípticos.

Talleres didácticos no CGAC
Tamén na capital de Galicia, o CGAC programará, entre o 7 e o 31 de xullo, talleres didácticos para todas as idades, previa inscrición. O colectivo trasPediante será o encargado de traballar a danza contemporánea cos máis pequenos, mentres que a artista Rebeca Mariño se achegará afondará no diálogo entre a arte e a natureza. Os talleres tamén contarán co arquitecto Ramón Viéitez, que proporá un taller de arquitectura sustentable para rapaces e rapazas de 10 a 12 anos, e co músico Benjamin Carter, que abrirá un espazo para a creación de música electrónica e hip-hop para maiores de 13 anos.

Coa estación estival tamén regresa Cine de verán no CGAC, un ciclo de cine australiano baixo o título ‘A loita pola afirmación’. Do 8 ao 29 de xullo (mércores e xoves) e en colaboración co Centro de Linguas Modernas da USC, ASBA (Australia Spain Business Association) e a Embaixada de Australia, o CGAC proxectará ao aire libre sete películas de autores como Stephan Elliott, Bruce Beresford, David Michôd, Peter Weir e Ted Kotcheff.

A programación do centro complétase cos proxectos expositivos que se poden visitar estas vacacións, entre os que se inclúen ‘Manuel Vilariño. Tectónica’, ‘Christian García Bello. Como tizón quemado’ e ‘Colección CGAC’, as tres ata setembro, xunto con ‘Val del Omar. A mecamística do cine’, ata o vindeiro 30 de agosto.

Campamentos artísticos no Museo de Belas Artes
Ademais das visitas á colección permanente, o Museo de Belas Artes da Coruña reforza nos meses de verán a súa programación habitual de obradoiros para os máis novos. Baixo o título ‘Vacacións dende o museo!’, ofrece durante o mes de xullo campamentos artísticos nos que os nenos e nenas de 5 a 12 anos, de martes a venres, terán ocasión de descubrir outras xentes, lugares e tempos a través dos cadros e mediante xogos, manualidades e visitas virtuais a outros museos.

Singraduras pola ría e obradoiros no Museo Massó
O público infantil e familiar tamén centra a oferta de actividades de verán no Museo Massó de Bueu. Os xoves do 16 de xullo ao 20 de agosto desenvolveranse no museo obradoiros didácticos para familias vinculados co ámbito marítimo. E os sábados dos meses de xullo e agosto, sempre que o tempo e o estado do mar o permita, realizaranse singraduras didácticas pola ría nun galeón, no marco de actuacións de protección das embarcacións tradicionais e os coñecementos e técnicas a elas asociados.

O 10 de xullo, o museo acollerá, ás 21:30 horas, a presentación do libro ‘Ecos do Grande Norte: recordações da pesca de bacallau polo capitán Valdemar Aveiro’. E o 9 de agosto, en colaboración coa Asociación AstroVigo e a Fundación Ceo, Ciencia e Cultura, está programada unha actividade de observación nocturna do ceo con telescopios.

En Ribadavia, cine no museo
O Museo Etnolóxico de Ribadavia programa en xullo a segunda edición do ciclo estival de cine Marxes Fílmicas. Cine de Verán, centrado nunha escolma de filmes sobre unha temática única e monográfica, en colaboración co Cine Clube Padre Feijoo de Ourense. Ademais, na provincia ourensá tamén se poderá visitar a colección permanente do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense que, no mes de setembro, retomará a actividade denominada Peza do Mes, para a posta en valor dos elementos desta colección.

Museo do Mar de Galicia
Ata o 30 de agosto, o Museo do Mar de Galicia, en Vigo, acolle a exposición ‘Pacífico. España e a aventura do Mar do Sur’, unha mostra ambientada de documentos do Arquivo Xeral de Indias, testemuños de especialistas e audiovisuais, na conmemoración do V centenario do descubrimento do Mar do Sur por Vasco Núñez de Balboa.

Ademais desta mostra, o Museo do Mar ofrece unha ampla programación de verán dirixida, fundamentalmente, ao público infantil e familiar. De martes a xoves, e en todos os casos con inscrición previa, os pequenos (a partir de 3 anos) poden converterse en mariñeiros, mergulladores profesionais ou arqueólogos nas diversas actividades didácticas programadas ás 11:30 h. Á mesma hora, e tamén ás 18:00 h, os nenos e nenas de máis de oito anos contan cunha oportunidade de paseo guiado vivencial pola exposición temporal do museo para coñecer a descuberta histórica do Mar do Sur. Durante o verán, os visitantes do museo tamén poderán, aos venres, presenciar a alimentación dos peixes do acuario por parte dos mergulladores especializados nesta tarefa.

Actividades nos centros arqueolóxicos
A programación do Museo do Mar complétase coas propostas do Centro Arqueolóxico do Areal Salinae, que, de martes a venres, ás 11:30 horas e con reserva previa, ofrece visitas guiadas e unha entretida actividade na que viaxar no tempo, usando a arqueoloxía como medio para descubrir e recrear diferentes aspectos da alimentación en época romana.

En San Cibrao de Las, o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa ‘Lansbrica’, ademais da programación estival de visitas guiadas ao conxunto arqueolóxico e á exposición do Centro de Interpretación, gratuítas a última fin de semana de cada mes, ofrece nos meses de verán visitas teatralizadas con Teatro do Miolo. Os interesados tamén poderán visitar o parque tomando parte no tren turístico que realiza a Ruta do Viño Ribeiro-Rías Baixas ou ben dentro do Programa Castrexo de Augas Termais dos balnearios Caldaria.

No parque tamén se pode visitar no verán a exposición temporal Castros lucenses: investigación e posta en valor e, a partir do 16 de xullo, unha nova mostra en colaboración coa Fundación Terra Termarum: A cerámica castrexa en Galicia: investigación e recuperación, coas pezas máis representativas atopadas nos castros galegos. Ambas as dúas levan asociado un taller gratuíto para familias, no que os participantes poderán experimentar a vida na Idade de Ferro. E o 8 de agosto, celebrarase a Noite das bágoas de San Lourenzo, para gozar da arqueoloxía e da astronomía no ambiente máxico do castro.

En Lugo, no concello de Castro de Rei, tamén permanece aberto no verán, con posibilidade de visitas, o Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga. Mentres que na provincia de Pontevedra, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro abre hoxe, 4 de xullo, a programación de verán con música de jazz, no marco dun ciclo de concertos que terán lugar os sábados e que se complementarán con visitas nocturnas aos gravados e ceas. O parque tamén ofrecerá no verán visitas en horario de mañá e de tarde, xunto con obradoiros para se achegar dun xeito lúdico e práctico á vida durante a Prehistoria.

Axenda cultural
O calendario coa programación de actividades da Consellería de Cultura e Educación pódese consultar na axenda de Cultura, accesible na páxina web www.cultura.gal.

Comparte