Nova: As Xornadas sobre Viño e Cultura Galega achéganse á obra de Filgueira Valverde, de Blanco Amor e de García Lorca

07/07/2015

As Xornadas sobre Viño e Cultura Galega achéganse á obra de Filgueira Valverde, de Blanco Amor e de García Lorca

A iniciativa regresa con tres sesións en Vigo os días 9, 16 e 23 de xullo

Trátase dunha proposta transversal na que a enocultura dialoga con diversas disciplinas artísticas para afondar na creación de recoñecidos escritores

Vigo, 7 de xullo de 2015.- As Xornadas sobre Viño e Cultura Galega regresan este mes de xullo con tres sesións nas que as persoas que participen terán ocasión de se achegar á cultura do viño e de afondar, a un tempo, na vida e obra de recoñecidos escritores.

O polígrafo e investigador pontevedrés Xosé Filgueira Valverde, homenaxeado coas Letras Galegas 2015; o novelista Eduardo Blanco Amor e mais o poeta Federico García Lorca centran as novas propostas desta iniciativa que vén organizando o profesor da Universidade de Santiago de Compostela Xavier Castro –especialista na historia do viño e Premio Picadillo do Fórum Gastronómico 2015– co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura.

Diálogo entre diversas disciplinas
Durante a rolda de prensa de presentación das novas sesións, o responsable da secretaría xeral, Anxo Lorenzo, referiuse ás xornadas como “unha proposta transversal, na que a cultura do viño se integra con diversas disciplinas artísticas co obxectivo de nos achegar, desde diferentes perspectivas, a obra e a figura de recoñecidos nomes da literatura”. E é que, ademais dunha iniciación á cata, con degustación de viños elaborados pola adegas galegas Leive, Moraima e Piñeiro, as xornadas servirán para poñer de manifesto as referencias ao mundo do viño contidas nas obras de Filgueira Valverde, de Blanco Amor e de García Lorca, con especial atención aos seus poemas galegos.

Para favorecer o diálogo da cultura do viño coa creación literaria, artística e musical, tampouco faltarán a lectura de fragmentos de obras destes escritores xunto con interludios musicais nos que se escoitarán pezas alusivas á cultura do viño, vinculadas co creador protagonista en cada unha das sesións, acompañadas de proxeccións audiovisuais.

As explicacións do condutor da xornada, Xavier Castro, farán referencia ao escritor que centre o interese de cada sesión, abordando cuestións vinculadas á cultura do viño, e a temática gastronómica relacionada con ela (sobre todo as maridaxes entre o viño e a culinaria propia da dieta atlántica) que se e irán intercalando coas achegas dos adegueiros e coa participación dos asistentes.

As Xornadas sobre Viño e Cultura Galega terán lugar na cidade de Vigo, nos días 9, 16 e 23 de xullo, ás 20:30 horas, na Exscama Taberna Atlántica.

Comparte