Nova: A comedia é a protagonista da nova edición de As noites teatrais de Vilamarín
10/07/2015
A comedia é a protagonista da nova edición de As noites teatrais de Vilamarín
As compañías Fulano, Mengano e Citano; Chévere e Teatro Galileo, xunto coa Aula de Teatro Universitario de Ourense, conforman o novo cartel do festival, que se celebrará do 14 ao 17 de xullo nesta localidade ourensá
Ourense, 10 de xullo de 2015.- As Noites Teatrais de Vilamarín celebran a súa vixésimo sétima edición coa participación das compañías Fulano, Mengano e Citano; Chévere e Teatro Galileo, xunto coa Aula de Teatro Universitario de Ourense, que actuarán os vindeiros días 14, 15, 16 e 17 de xullo no auditorio municipal da localidade ourensán, ás 22:30 horas.
A programación deste ano do festival, promovido polo Concello de Vilamarín co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da Deputación de Ourense e de Abanca, foi presentada hoxe na sede da deputación provincial, coas intervencións do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; do vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; do alcalde de Vilamarín, Amador Vázquez; e da concelleira de Cultura de Vilamarín, Marina Rodríguez.
Compañías profesionais e grupos afeccionados
Durante a rolda de prensa, o secretario xeral de Cultura puxo en valor o labor que vén realizando o Concello de Vilamarín a prol da difusión das artes escénicas, que o sitúan nun lugar destacado no mapa cultural de Galicia. Tamén salientou a calidade da programación das Noites Teatrais de Vilamarín, coa súa “aposta por grupos de teatro profesionais e tamén afeccionados, dous planos absolutamente necesarios capaces de convivir, alimentarse e retroalimentarse”.
A Aula de Teatro Universitario de Ourense será a encargada de abrir a programación da vixésimo sétima edición do festival, o día 14 de xullo, coa representación de ‘III’, unha obra que presenta o Ricardo III de Shakespeare desde unha perspectiva contemporánea, con preguntas de onte, de hoxe e de sempre.
Na segunda xornada, o día 15, subirá a escena a compañía galega Fulano, Mengano e Citano, que representará a obra ‘A louca historia de Galicia’, un percorrido en clave de humor a través da historia, da autoría de Manuel Botana e Manuel Pombal e coas interpretacións de Manuel Pombal, Suso Pando e Marcos Alonso.
O xoves, día 16 de xullo, será a quenda da compañía Teatro Galileo, que porá en escena ‘Cyrano’, unha historia de amizada, amor e paixón na que Julio Salvatierra versiona a obra orixinal de Edmond Rostand. O peche das Noites Teatrais 2015 correrá a cargo de Chévere, recoñecida en 2014 co Premio Nacional de Teatro. A compañía galega presentará a obra ‘As fillas bravas’, escrita por Manuel Cortés e interpretada por Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar.