Nova: Subvencións á programación de 2015 das salas Ensalle, Teatro del Andamio, Ártika, Teatro Estepario e Gurugú

13/07/2015

Subvencións á programación de 2015 das salas Ensalle, Teatro del Andamio, Ártika, Teatro Estepario e Gurugú

Son as adxudicatarias dos 70.000 euros cos que se dotou este ano a convocatoria de axudas a espazos de exhibición escénica de titularidade privada

Esta liña de apoio, que incrementou o seu orzamento en 10.000 euros respecto a 2014, resolveuse polo procedemento de concorrencia competitiva

Santiago, 13 de xullo de 2015.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic)  acaba de publicar a adxudicación dun total de 70.000 euros a cinco salas escénicas de Vigo e A Coruña. Resólvese así a convocatoria de subvencións dirixida a apoiar a programación de 2015 deste tipo de espazos culturais de xestión privada e cunha capacidade máxima de 250 localidades.

As beneficiarias desta liña de axudas, que incrementou a súa dotación en 10.000 euros respecto ao ano pasado, son as salas viguesas Teatro Ensalle, que recibirá 22.446,12 euros; Ártika, 14.686,33 euros; e Teatro Estepario, 7.581,68 euros; así como as coruñesas Teatro del Andamio, 19.798,20 euros, e Gurugú, 5.487,67 euros.

Puntuación por baremo
A resolución, publicada no web da Agadic (www.agadic.info), completa o procedemento de concorrencia competitiva segundo as bases publicadas no DOG (Diario Oficial de Galicia) o pasado 10 de abril. De acordo con elas, a asignación destas contías realizouse de xeito proporcional á puntuación recibida tras a aplicación dun baremo prefixado e ao orzamento solicitado nos proxectos candidatos.

Nos criterios de adxudicación tivéronse en conta aspectos como a antigüidade da empresa xestora, a capacidade da sala, a súa pertenza á Rede Galega de Salas impulsada pola Agadic, o interese artístico, calidade e relevancia do proxecto de programación, o número total de funcións que se van realizar, o número de días con actividade aberta ao público, a presenza de compañías galegas na carteleira, as actividades complementarias, a capacidade de creación de públicos ou a porcentaxe de subvención solicitada con respecto ao orzamento do proxecto.

A resolución pode consultarse no enderezo http://www.agadic.info/Avisos/detalles/268

Comparte