Nova: O conselleiro de Cultura e Educación inaugura o Museo do Traxe Folclórico en Ourense como parte dun proxecto de musealización ao que a Xunta destinou 100.000 euros
01/07/2014
O conselleiro de Cultura e Educación inaugura o Museo do Traxe Folclórico en Ourense como parte dun proxecto de musealización ao que a Xunta destinou 100.000 euros
A iniciativa fraguouse grazas a un acordo entre a Consellería de Cultura e Educación, a Deputación de Ourense e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE)
O centro expón traxes, teares e todos os instrumentos empregados na confección do liño, para facer chegar a cultura galega a todos os recunchos do territorio, reactivando a economía tanto social como cultural
Ourense, 1 de xullo de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acaban de poñer en marcha o proxecto museográfico froito do acordo asinado entre o departamento que dirixe Vázquez Abad e o INORDE, que permitiu a habilitación de dúas estacións de ferrocarril, a de Santa Cruz de Arrabaldo e a de Baños de Molgas, para a realización de actividades culturais. Concretamente, a Consellería de Cultura e Educación contribuíu coa contía de 100.000 euros e o INORDE sumou 32.000 euros para darlle viabilidade ao proxecto.
Na primeira estación leváronse a cabo as obras para o remate do Museo do Traxe Folclórico que se inaugurou e que comparte espazo co Centro de Interpretación do Liño coa meta de conservar e mostrar as distintas técnicas do fiado de la e de liño, así como a exposición de traxes folclóricos, de teares e todos os instrumentos empregados na confección do liño. Nas mesmas dependencias tamén se atopa o Museo Estanislao Reverte, dedicado ao deportista.
Vázquez Abad destacou que a recuperación da vella estación de Santa Cruz de Arrabaldo é un compromiso da Consellería ca etnografía galega que permite achegar o gran público un aspecto esencial da nosa realidade histórica. Neste sentido, recordou que “desde a Xunta de Galicia apoiamos economicamente este proxecto en tempos difíciles e saudámolo con satisfacción e orgullo, pola súa achega á identidade da nosa provincia e de Galicia enteira”. Vázquez Abad rematou a súa intervención, felicitando á Deputación de Ourense e o INORDE pola súa achega á creación do Museo do Traxe Tradicional.
A cultura en todos os recunchos
As dependencias estarán abertas ao público en tempada alta e fora destas datas serán posibles as visitas concertadas. O acceso aos centros tamén se incluirá no novo produto turístico “Trenes Turísticos Galicia 2014”, un proxecto colaborativo de Renfe, a Xunta de Galicia e o INORDE que ofrece rutas de un día en trens tematizados para coñecer mediante ruta puntos de interese cultural galego como é a “Ruta dos Faros”, a “Ruta dos Pazos e Xardíns Históricos” e as cinco rutas por todas as Denominacións de Orixe do Viño de Galicia. Por último, tamén se organizarán na estación actividades extraescolares dos centros educativos.