Nova: Feijóo avoga por fortalecer, enriquecer e renovar o Camiño de Santiago aproveitando a complementariedade que ofrecen outros activos turísticos como a gastronomía
01/07/2014
Feijóo avoga por fortalecer, enriquecer e renovar o Camiño de Santiago aproveitando a complementariedade que ofrecen outros activos turísticos como a gastronomía
Destaca que a aposta de futuro debe ir máis alá de conservar e custodiar o Camiño: “Temos a responsabilidade de agrandalo”, ademais de “renovalo e adaptalo aos novos tempos”, asegura
Incide na necesidade de acrecentar o valor turístico da Ruta Xacobea xa que, sinala, “o Camiño fainos visibles ao mundo” e configúrase como “un acicate fundamental para atraer turistas ata os nosos territorios”
Salienta que, no que vai de ano, son 81.685 os peregrinos que chegaron a Compostela, superando en 6.996 os rexistrados no mesmo período de 2013, o que representa un incremento de case un 10%
Lembra o apoio da Xunta ao Camiño, que se pon de manifesto coa súa inclusión como primeira liña estratéxica do Plan Integral de Turismo; coa concesión, cada ano, do título de Embaixador de Honra do Camiño; ou no futuro, co Plan director dos Camiños de Santiago, que busca sacar o máximo proveito ao Ano Santo de 2021
En total son oito os restaurantes galegos con Estrella Michelín os que participan na elaboración do Menú Peregrino e doce os Paradores nos que se poderá degustar
Hoxe tamén se presentou unha nova ferramenta exclusiva para móbiles, un recomendador das mellores aplicacións turísticas para descubrir Galicia
Alcalá de Henares (Madrid), 1 de xullo de 2014.- O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por fortalecer, enriquecer e renovar o Camiño de Santiago aproveitando “a porosidade” e o “fácil entronque” da Ruta Xacobea con outros activos turísticos, como a gastronomía. Durante o acto de presentación do Menú Peregrino, de Asís a Compostela, que xorde da colaboración entre a rede de Paradores e restauradores galegos con Estrella Michelín, o presidente da Xunta resaltou que existen unha serie de “vasos comunicantes” e de “elementos complementarios” coa Ruta Xacobea que, dixo, “debemos estudar e, entre todos, desenvolver e potenciar”. Feijóo lembrou que as rexións que atravesa a ruta de peregrinación “temos a responsabilidade de agrandala”, ademais de “renovala e adaptala aos novos tempos”. “A aposta de futuro debe ir máis alá da conservación e da custodia do Camiño: o noso cometido pasa por nutrilo, enriquecelo e vigorizalo”, incidiu ao respecto.
Na súa intervención, o titular da Xunta apostou por manter a vixencia do Camiño de Santiago como fenómeno universal, conservando o seu torrente de espiritualidade e o seu valor primixenio como creador dun novo europeísmo. Pero, ao tempo, insistiu na necesidade de incrementar tamén “o seu valor turístico”, dado que a Ruta Xacobea na actualidade “fainos visibles ao mundo” e configúrase como “un acicate fundamental para atraer turistas ata os nosos territorios”.
Feijóo explicou que o itinerario xacobeo é a quinta razón pola que os turistas elixen Galicia como destino, se ben é intrínseco a outros atributos, como coñecer a natureza, a paisaxe, a tranquilidade e o descanso; ou a cultura, os costumes e a gastronomía, que están entre as motivacións que máis valoran os turistas á hora de seleccionar a Comunidade, algo do que tamén poden desfrutar percorrendo a ruta de peregrinación. “Os datos acreditan o efecto tractor do Camiño no sector turístico galego”, afirmou, destacando que os peregrinos recibidos en Compostela no que vai de ano (a 30 de xuño), ascenden a 81.685, polo que xa superan en 6.996 os rexistrados no mesmo período de 2013. Isto supón un incremento de case un 10%, sendo, ademais, o 61,42% deles, estranxeiros.
Medidas para revalorizar e promover a Ruta Xacobea
Así, conscientes de que o Camiño é un dos principais reclamos turísticos para Galicia, un “gran imán” que cada ano atrae ata a Comunidade a un maior número de peregrinos, o Executivo autonómico está comprometido coa súa revalorización e promoción. Deste xeito, segundo lembrou o mandatario galego, a Xunta incluíu a ruta de peregrinación como a primeira liña estratéxica do Plan Integral de Turismo de Galicia, unha folla de ruta colectiva que presenta á Comunidade como un destino único, que se vertebra en torno ao Camiño e que está orientada a consolidar Galicia nos mercados turísticos nacionais e internacionais. Así mesmo, cada ano, concédese o título de Embaixador de Honra do Camiño de Santiago, unha distinción outorgada, por vez primeira en 2013 ao Príncipe Felipe, agora xa Rei de España; e título que nesta edición de 2014 se lle acaba de conceder ao adestrador da Selección Española de Fútbol, Vicente del Bosque.
De cara ao futuro, a Xunta prepara o Plan director dos Camiños de Santiago, “cuxos trámites acabamos de iniciar”, salientou Feijóo, co fin de sacarlle o máximo proveito ás posibilidades que ofrece a Ruta Xacobea, revitalizándoa e impulsándoa de cara ao próximo Ano Santo que se celebrará en 2021. “Temos por diante seis anos de arduo traballo ata esta gran cita, para a que queremos contar con dous instrumentos de xestión”, indicou: por un lado o Plan director, que analizará e diagnosticará as necesidades para pór en valor os Camiño e un Plan estratéxico posterior, que fixará as propostas de actuación que se han de levar a cabo.
“As Comunidades que temos o privilexio de estar tocadas polo Camiño temos a responsabilidade de preservalo e coidalo, pero tamén de fortalecelo”, abundou o presidente da Xunta, resaltando que con cooperación, vontade e tesón, “ente todos seremos capaces” de manter acendida a chama de espiritualidade que emerxe do Camiño e que fai de Galicia e de España “un faro cultural que irradia a súa luz a todo o mundo”.
O Menú Peregrino, de Asís a Compostela
Na súa intervención, Feijóo referiuse á capacidade do Camiño para establecer unha “maridaxe perfecta” con outros produtos turísticos como a gastronomía, o que se converte nun mercado “por explorar”, nunha alternativa “de desenvolvemento en si mesmo” e nunha “posibilidade de diversificación do sector na nosa terra”. “Isto é precisamente o que presentamos aquí”, sinalou, unha nova iniciativa na que Camiño e gastronomía converxen “nunha perfecta amálgama”, o Menú Peregrino.
Segundo explicou, trátase dun menú especial elaborado con motivo da celebración do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Santiago, froito da colaboración entre a rede de Paradores de Turismo e restauradores galegos distinguidos con Estrella Michelín. Así, a unión destes profesionais “dos fogóns” dá como resultado unha carta “capaz de transmitir o sabor de Galicia, tamén fóra do noso territorio”, unha cociña “que sorprende” co descubrimento de novos sabores, diferentes texturas e combinacións sinxelas, que alcanzan a excelencia grazas a estar aderezadas, dixo Feijóo, cun condimento esencial: “o amor polo ben feito”.
En total, son oito os restaurantes galegos con Estrella Michelín que participan na elaboración destas receitas: o restaurante A Estación (Cambre); Árbore da Veira (A Coruña); As Garzas (Malpica de Bergantiños); Culler de Pau (O Grove); Retiro da Costiña (Santa Comba); Pepe Vieira Camiño da Serpe (Poio); Yayo Daporta (Cambados); e Casa Solla (Poio); aos que se une o xefe de cociña do Parador do Hostal dos Reis Católicos, que achega un aperitivo especial elaborado para a ocasión. Este Menú Peregrino poderase degustar en doce establecementos da rede de Paradores: o Parador de Bielsa (Aragón); o de Olite (Navarra); o de Santo Domingo de la Calzada (A Rioxa); catro en Castela e León -o de Lerma, Cervera de Pisuerga, Benavente e León-; e cinco en Galicia, o Parador de Santo Estevo, o de Baiona, o de Cambados, o de Ribadeo e o de Santiago.
Feijóo lembrou que non é a primeira vez que Xunta e Paradores colaboran. Fixérono hai aproximadamente un ano, cando se presentaron en Santiago os espazos gastronómicos Enxebres: “Se por aquel entonces convidamos aos viaxeiros a seguir o mapa trazado polos manteis, hoxe animamos a quen nos visita a seguir o Camiño que debuxan os Menús Peregrinos”, afirmou.
Camiño e Novas Tecnoloxías
Hoxe tamén se presentou unha ferramenta exclusiva para móbiles, un recomendador das mellores aplicacións turísticas para descubrir Galicia. O obxectivo do instrumento é dobre: por un lado asegura que cada unha das aplicacións acheguen valor real aos turistas e, por outro, preséntase como un canal de visualización ao facilitar o posicionamento de todos aqueles programadores de aplicacións que traballan constantemente para ofrecer contidos de calidade.
Feijóo resaltou, a este respecto, que xa no mes de setembro pasado Xunta e Ministerio asinaron un convenio de colaboración para impulsar o Camiño Intelixente, un acordo que garante a conexión a internet en todos os establecementos do itinerario francés e que desenvolve un conxunto de aplicacións de asistencia ao camiñante.