Nova: O CGAC abre as portas da exposición Reflexións, a primeira con Santiago Olmo como director
16/07/2015
O CGAC abre as portas da exposición Reflexións, a primeira con Santiago Olmo como director
A mostra é froito dunha selección de máis de 20 obras da colección pertencentes a 19 artistas do ámbito galego, nacional e internacional ao redor de dúas lecturas posibles da palabra reflexión
Santiago, 16 de xullo de 2015.- O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolle a exposición ‘Reflexións. Colección CGAC’, unha mostra que presentou o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e que serviu tamén de acto de benvida ao recén nomeado novo director do museo, Santiago Olmo. Neste sentido, o titular de Cultura da Xunta trasladoulle o desexo de que o seu labor á fronte do CGAC sexa “gratificante no persoal” e “proveitosa para o conxunto de Galicia”. No acto tamén estivo presente o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
Santiago Olmo (Madrid, 1958) inicia esta nova etapa do CGAC cun proxecto artístico que desenvolverá nos vindeiros cinco anos conxugando a arte internacional coas manifestacións artísticas galegas e nacionais xunto cun programa de actividades e propostas educativas que servirán de vehículo á cultura contemporánea.
Artistas galegos, nacionais e internacionais
A exposición, comisariada por Christina Ferreira, e que permanecerá aberta ata outubro, é froito dunha selección de máis de vinte obras da colección pertencentes a dezanove artistas do ámbito galego, nacional e internacional que recollen dúas lecturas posibles da palabra reflexión: a acción e efecto de reflexionar e a acción e efecto de reflectir.
As pezas da primeira sala da mostra xiran arredor dos diferentes xeitos de observación da contorna. Na segunda sala figuran os instrumentos dos que o ser humano se valeu para a súa aprendizaxe: a escritura, a astroloxía, a agricultura, o corpo humano ou a informática.
Na última sala, as obras reinterpretan a pintura desde a contemporaneidade así como as súas iconas máis clásicas. Neste percorrido, a idea de reflexión maniféstase nun sentido tanto conceptual como óptico.
Nesta exposición participan artistas como Chema Alvargonzález, Jorge Barbi, Alberto Barreiro, RuiCalçada Bastos, Mircea Cantor, Tono Carbajo, Elena del Rivero, Florentino Díaz, DSK, Suso Fandiño, Joseph Kosuth, Eva Lootz, Alicia Martín, Asier Mendizabal, Álvaro Negro, Pamen Pereira, George Rousse, EveSussman e Peter Wüthrich.