Nova: Seis citas co baile e a música tradicionais este verán co ciclo Danza3
16/07/2015
Seis citas co baile e a música tradicionais este verán co ciclo Danza3
Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos ofrecerán media ducia de actuacións nas rúas de Burela, Sarria, A Baña, Melide, Marín e O Barco
Co lema ‘Folclore na rúa’, estas agrupacións sairán ao encontro dos espectadores co obxectivo de lles transmitir a esencia e a riqueza da nosa cultura popular
Santiago, 16 de xullo de 2015.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o colectivo XOC, integrado polas formacións Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos, convidan a participar este verán nos seis encontros co baile e a música tradicionais de Galicia que se inclúen no marco do ciclo Danza3.
Este programa de difusión do folclore galego, que principiou o pasado 23 de maio cunha gala especial celebrada no Auditorio Municipal de Ourense e que continuará con novas actuacións ata decembro, visitará nos próximos meses as localidades de Burela, Sarria, A Baña, Melide, Marín e O Barco de Valdeorras.
Baixo o lema ‘Folclore na rúa’, o seu obxectivo é transmitirlles aos cidadáns a esencia e a riqueza das nosas danzas, así como das músicas que as acompañan e do vestiario co que se poñen en escena.
Calendario de actuacións
Cada un dos grupos de baile e música ofrecerá este verán dúas funcións no marco de Danza3. Deste xeito, a praza da Mariña de Burela acollerá este sábado 18 de xullo o espectáculo da formación coruñesa Xacarandaina, a cal volverá a actuar o 14 de agosto nas rúas de Melide. O Fiadeiro de Vigo estará, pola súa banda, o 25 de xullo no recinto da Casa da Cultura de Sarria e o 6 de setembro na Alameda de Marín; en tanto que a banda compostelá Cantigas e Agarimos será recibida o 1 de agosto na área recreativa Agra de Chan da Baña e o 11 de setembro na praza Príncipe de Asturias do Barco de Valdeorras.
En cada unha destas citas, os danzantes e músicos exhibirán a pé de rúa unha mostra do seu amplo repertorio, nunha proposta artística preparada especialmente para cada espazo e a través da que se buscará implicar o público asistente, de xeito que cada un destes espectáculos será único, espontáneo e persoal.
Patrimonio inmaterial
Cantigas e Agarimos, O Fiadeiro e Xacarandaina veñen colaborando desde hai unha década en distintas entregas de Danza3 co apoio de diferentes administracións públicas. As tres entidades traballan, desde a súa fundación, coa música e o baile tradicionais como materias primas a partir das que constrúen experiencias visuais e sonoras para o público actual, contribuíndo deste xeito á divulgación dunha parte esencial da cultura de Galicia e do seu patrimonio inmaterial.
Neste sentido, e unidas como colectivo baixo as siglas 'XOC', son as impulsoras da proposta para lle solicitar á Unesco a declaración do baile galego como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.