Nova: Estúdase de xeito pormonerizado o material técnico para a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial

19/07/2015

Estúdase de xeito pormonerizado o material técnico para a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial

Cultura recolle no mosteiro de San Pedro de Rocas a documentación elaborada polos técnicos seleccionados polo Valedor do Pobo e financiada polas deputacións de Ourense e Lugo

Esgos (Ourense), 18 de xullo de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, recolleu o material técnico ao redor á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial -elaborado polo equipo de técnicos seleccionados polo Valedor do Pobo e financiado polas Deputacións de Ourense e Lugo-, co compromiso de iniciar os trámites preceptivos para completar se fose o caso e validar o expediente.

Precisamente, no acto de entrega, organizado no mosteiro de San Pedro de Rocas, tamén participaron o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar; o deputado delegado de Turismo e Patrimonio da institución lucense, Juan Carlos Armesto Quiroga; o Valedor, José Julio Fernández; e o alcalde de Esgos, Mario Rodríguez González.

O conselleiro explicou que o seu departamento estudará pormenorizadamente a documentación recibida, composta por unha memoria científica de base para a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial. Os representantes institucionais solicitaron a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC), sendo o paso previo e imprescindible para avanzar cara a declaración. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural será a encargada de supervisar o contido da documentación recibida hoxe.

Román Rodríguez afirmou que se trata dun importante traballo de carácter multidisciplinar que agora cómpre analizar para adaptar dun xeito idóneo os requirimentos legais establecidos no eido do patrimonio cultural.

Ao acto de entrega do material técnico tamén asistiu o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua; e o delegado territorial de Ourense, Rogelio Martínez.

Comparte