Nova: As bibliotecas conmemoran o Día da Comprensión Lectora con diversas iniciativas

23/07/2015

As bibliotecas conmemoran o Día da Comprensión Lectora con diversas iniciativas

As actividades enmárcanse na programación que veñen desenvolvendo durante o verán para lles achegar o libro e a lectura a todos os públicos

  • As bibliotecas conmemoran o Día da Comprensión Lectora con diversas iniciativas As bibliotecas conmemoran o Día da Comprensión Lectora con diversas iniciativas
  • As bibliotecas conmemoran o Día da Comprensión Lectora con diversas iniciativas As bibliotecas conmemoran o Día da Comprensión Lectora con diversas iniciativas

Santiago, 23 de xullo de 2015.- As bibliotecas xestionadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, con sede nas cidades galegas, súmanse á conmemoración do Día da Comprensión Lectora, que se celebra o 26 de xullo, con diversas iniciativas, que se enmarcan na programación de actividades para todos os públicos que veñen desenvolven no verán arredor do libro e da lectura.

Con motivo desta celebración, que se inclúe no Calendario do Libro e da Lectura 2015 promovido polo Goberno galego, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, visitou a Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela, que ofrece arredor desta data a mostra bibliográfica ‘Libros para ler 100 veces: as recomendacións da biblioteca’, na sala infantil ata o vindeiro 31 de agosto.

Acompañado pola subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal, e pola subdirectora do centro, Susana Sotelo, o secretario xeral tamén tivo ocasión de coñecer as principais propostas da Ánxel Casal para lles achegar a grandes e pequenos o libro e a lectura na durante a época estival.

“Batalla” literaria na Biblioteca de Galicia
Tamén en Santiago de Compostela, a Biblioteca de Galicia promove o obradoiro ‘Textos e pretextos’, unha “batalla” literaria entre dous equipos conformados por nenos e nenas de entre 8 e 12 anos que se librará arredor das páxinas dun libro o vindeiro 27 de xullo ás 17:30 horas. A través de dous grupos, os máis pequenos terán ocasión poñer a proba a súa capacidade para afondar no contido e nas mensaxes da obra seleccionada. A participación neste obradoiro é de balde, previa inscrición.

O 23 e o 30 de xullo, a Biblioteca Pública de Ourense convida os nenos e nenas de entre 7 e 9 anos a gozar dos libros a través da actividade ‘A roda das palabras’. Logo da lectura dunha obra previamente seleccionada pola biblioteca, e por medio dunha roda que conterá preguntas e pistas, os rapaces mergullaranse no contido do libro a través de diversas preguntas que deberán ir respondendo. A actividade desenvólvese ás 11:30 horas, con inscrición previa.

A Biblioteca Pública de Lugo, a Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, a Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel e a Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés tamén se suman á celebración desta data con contacontos, obradoiros en inglés e de banda deseñada que se poden consultar na Axenda Cultural de Galicia, na páxina web www.cultura.gal
 

Comparte