Nova: Monumenta pon en valor o patrimonio restaurado cun amplo programa multidisciplinar
27/07/2015
Monumenta pon en valor o patrimonio restaurado cun amplo programa multidisciplinar
Visitas guiadas, andainas e faladoiros para afondar na singularidade da área arqueolóxica de Tourón, do gótico mariñeiro de Noia, do xacemento Aquis Querquennis de Bande e do templo lucense de Santalla de Bóveda de Mera
A descuberta sonora dos espazos correrá a cargo de artistas e grupos galegos de referencia como Leilía, Odaiko, Rodrigo Romaní e Talabarte Trío
Santiago, 27 de xullo de 2015.- O ciclo Monumenta, difusión do patrimonio restaurado, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra en 2015 a súa terceira edición cun completo programa de actividades e concertos en Ponte Caldelas, Noia, Lugo e Bande para se achegar, desde unha mirada pluridisciplinar, á riqueza e singularidade de monumentos e lugares históricos destas catro localidades.
A nova programación, que se desenvolverá entre o 27 de agosto e o 5 de setembro, foi presentada esta mañá polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen destacou como obxectivo principal da iniciativa o achegamento da cidadanía ao patrimonio histórico galego a través de diversas perspectivas, cun programa de actividades no que conflúen faladoiros e rutas con expertos en diferentes áreas, como a astronomía, a arqueoloxía, a arquitectura, a arte ou a xeografía, xunto con concertos de recoñecidos artistas e grupos galegos como son Talabarte Trío, Leilía, Odaiko e Rodrigo Romaní.
Traballo conxunto cos axentes locais
Respecto dos elementos definitorios do ciclo, Anxo Lorenzo salientou a coordinación e o traballo conxunto cos axentes locais, “co fin de dinamizar a actividade cultural nestas localidade e tamén a chegada de visitantes”. Ademais, agradeceu a colaboración dos expertos que participarán nas andainas e faladoiros como guías para coñecer o pasado e presente dos escenarios do ciclo e a relación coa súa contorna.
O claustro de San Roque, en Santiago de Compostela, acolleu a presentación en rolda de prensa do ciclo, na que tamén participaron o seu coordinador, Julio Gómez, e o músico Pedro Pascual, membro de Talabarte Trío.
Percorrido patrimonial polas catro provincias
Monumenta 2015 percorrerá as catro provincias galegas entre o 27 de agosto e o 5 de setembro. A primeira das citas celebrarase no xacemento arqueolóxico de Tourón (Ponte Caldelas), un dos complexos de arte rupestre ao aire libre máis singulares de Galicia. Ademais da visita ao centro de interpretación e o faladoiro de achegamento a este elemento patrimonial, o programa contempla unha visita guiada aos petróglifos. Neste caso a actuación musical correrá a cargo do grupo Leilía.
O ciclo chegará o 29 de agosto a Noia, cun percorrido guiado polo gótico mariñeiro desta vila coruñesa, no que se inclúe a igrexa de San Martiño. A xornada, que contará coa participación do xornalista e músico Xurxo Souto, rematará cun concerto na praza do Tapal de Talabarte Trío, co violín de Quim Farinha, o acordeón diatónico de Pedro Pascual e o contrabaixo de Kin García.
A cita na provincia de Ourense terá lugar o 30 de agosto en Aquis Querquennis (Os Baños, Bande), e contará cunha visita ao centro de interpretación e unha visita guiada a este campamento romano. Odaiko será o encargado do programa musical da xornada, ofrecendo aos asistentes unha mostra da súa exploración da percusión tradicional galega.
A xornada de clausura de Monumenta 2015 será o 5 de setembro na igrexa de Santalla de Bóveda de Mera (Lugo), un dos monumentos prerrománicos máis senlleiros do occidente europeo. O concerto final correrá a cargo de Rodrigo Romaní, un dos músicos galegos máis destacados, membro fundador de Milladoiro.
- Programa de Monumenta 2015886.11 KB