Nova: Belas Artes e Cultura colaboran na protección do legado arquitectónico moderno
27/07/2015
Belas Artes e Cultura colaboran na protección do legado arquitectónico moderno
Presentouse na Real Academia o documento que recolle a nómina inicial de 13 edificios senlleiros do Movemento Moderno en Galicia
A Coruña, 27 de xullo de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, e o presidente da Fundación Documentación e Conservación da Arquitectura e o Urbanismo do Movemento Moderno (DOCOMOMO) Ibérico, Celestino García Braña, presentaron esta tarde na sede na Academia o documento que recolle a nómina dos 13 inmobles do Movemento Moderno en Galicia que se incorporan ao “Plan Nacional de Conservación do Patrimonio do século XX”.
En maio do pasado ano 2014 foi aprobado o “Plan Nacional de Conservación do Patrimonio Cultural do século XX”, cuxa creación foi acordada no Consello de Patrimonio reunido en Alcalá de Henares en xuño de 2010, por iniciativa da Xunta de Galicia, centrándose no estudio da Arquitectura Moderna.
“Trátase –aclarou Román Rodríguez− dun primeiro paso importante para o recoñecemento específico e a protección do patrimonio arquitectónico máis próximo a nós no tempo. Un aspecto co que, desde a Xunta de Galicia, debo dicirlles, estamos sensibilizamos e consideramos importante.” Neste sentido asegurou que desde a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural tomaranse, consensuadamente con todas as institucións, as medidas necesarias “para asegurar un nivel de protección adecuado para cada un destes 13 edificios representativos da arquitectura do Movemento Moderno en Galicia”, tendo en conta que parte deles xa veñen gozando deste estatus.
O conselleiro de Cultura lembrou, ademais, que o compromiso da Xunta “demóstrase desde a cerna” e explicou que a nova Lei do Patrimonio Cultural de Galicia prevé a inclusión dos edificios relevantes que percorren o período das primeiras vangardas e o movemento moderno durante o século XX ata 1965.
Escolma de 13 inmobles
A relación de bens incorpora catro construcións da provincia da Coruña: o Mercado de San Agustín, a Lonxa do Gran Sol, a Unidade Veciñal nº 3 e a Universidade Laboral Cruceiro Baleares, dúas edificacións na provincia de Lugo: a Subestación do embalse de Belesar e a Igrexa da Cruz de Incio, dúas edificacións máis en Ourense: o Convento das Nais Carmelitas Descalzas e o Colexio Nosa señora dos Milagres, e cinco elementos na provincia de Pontevedra: o Poboado mineiro de Fontao, a Fábrica da Cross, o Edificio Plastibar, a Igrexa parroquial da Nosa Señora das Neves, e o Colexio Saladino Cortizo.
Estes 13 singulares bens conforman a totalidade da representación galega no conxunto de 256 edificios realizados en España entre 1925 e 1965 que recolle o Plan Nacional de Conservación do Patrimonio Cultural do século XX.
A este respecto o conselleiro sinalou que se trata de inmobles con distintos tipos de uso (educativo, residencial, comercial, industrial e relixioso) e cun alto valor cultural, social e estético dos que, “ao igual que dos exemplos sobranceiros do noso patrimonio románico, gótico, renacentista ou barroco, debemos estar moi orgullosos”.
Colaboración institucional
No marco desta presentación o conselleiro agradeceu o traballo do DOCOMOMO e da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, na protección e divulgación destes bens en proceso de patrimonialización, e reafirmou o compromiso do seu departamento de seguir traballando, coordinada e cooperativamente con ambas as dúas institucións, así como cos concellos nos que se atopan os distintos inmobles.
Así mesmo fixo fincapé na necesidade de compaxinar o uso destas arquitecturas vivas coa súa protección, dando exemplo de que o Patrimonio é “un motivo de orgullo e unha oportunidade para o desenvolvemento de Galicia”.