Nova: Publícanse os títulos galardoados cos últimos premios de literatura dramática da Agadic

27/07/2015

Publícanse os títulos galardoados cos últimos premios de literatura dramática da Agadic

'Raclette’, de Santiago Cortegoso', XXII Premio Álvaro Cunqueiro, e 'Xogando con gatos’, de Antón Cortizas, VIII Premio Manuel María, pasan a integrar a colección Biblioteca Dramática Galega de Edicións Xerais de Galicia

Tamén están nas librarías as obras distinguidas co XI Premio Barriga Verde: a peza para nenos 'O lobo e a lúa’, de Andrea Bayer, e 'Ela, piedade dos suicidas’, de Xavier Lama, gañadora na modalidade para adultos
 

  • As Editoras Xerais e Baía publican os catro títulos galardoados cos últimos premios de literatura dramática da Agadic As Editoras Xerais e Baía publican os catro títulos galardoados cos últimos premios de literatura dramática da Agadic
  • As Editoras Xerais e Baía publican os catro títulos galardoados cos últimos premios de literatura dramática da Agadic As Editoras Xerais e Baía publican os catro títulos galardoados cos últimos premios de literatura dramática da Agadic
  • As Editoras Xerais e Baía publican os catro títulos galardoados cos últimos premios de literatura dramática da Agadic As Editoras Xerais e Baía publican os catro títulos galardoados cos últimos premios de literatura dramática da Agadic
  • As Editoras Xerais e Baía publican os catro títulos galardoados cos últimos premios de literatura dramática da Agadic As Editoras Xerais e Baía publican os catro títulos galardoados cos últimos premios de literatura dramática da Agadic

Santiago, 27 de xullo de 2015.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) acaba de publicar en réxime de coedición con Edicións Xerais de Galicia e con Baía Editorial os catro títulos galegos galardoados na última convocatoria dos seus premios de literatura dramática Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde.

Trátase das pezas ‘Raclette’, de Santiago Cortegoso, texto gañador do XXII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o máis lonxevo do seu ámbito en Galicia e un dos referentes da dramaturxia escrita en galego, así como 'Xogando con gatos', de Antón Cortizas, VIII Premio Manuel María de literatura dramática infantil. Estas dúas obras, dispoñibles xa nas librarías, pasan a ocupar os números 20 e 21 da Biblioteca Dramática Galega, colección de textos teatrais que mantén Edicións Xerais de Galicia.

Pola súa banda, Baía Editorial asumiu a publicación e distribución das obras distinguidas co XI Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, co que se corresponderon ‘O lobo e a lúa’, de Andrea Bayer, na categoría de teatro para rapaces; e ‘Ela, piedade dos suicidas’, de Xavier Lama, na modalidade para adultos. A colección Barriga Verde, nacida en 2004 para albergar precisamente os textos escritos de xeito específico para ser representados por bonecos, suma deste xeito dous novos títulos aos once cos que xa conta.

Incentivar a escrita teatral
Complétase así a posta a disposición dos lectores de todas as obras galardoadas ata o momento cos premios literarios da Agadic, que teñen por obxectivo incentivar a escrita teatral en Galicia, así como impulsar a súa posta en valor e proxección social. Materialízase, ademais, a posibilidade incluída nas bases da convocatoria, no relativo a obras gañadoras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Consellería mantén en colaboración con varias editoriais galegas.

No caso de ‘Raclette’, o texto vencedor do Álvaro Cunqueiro, a decisión do tribunal baseárase tanto na solidez da súa estrutura dramática, cun logrado equilibrio entre a ironía e o humor, como no dramatismo co que transmite a realidade narrada. Partindo do concepto orixinal da ‘raclette’, a comida en comunidade ideada polos pastores suízos para escorrentaren o frío e a soidade, Santiago Cortegoso presenta un mosaico de cinco personaxes arredor dunha cea urbana e contemporánea. En palabras do seu autor, os seus cinco universos “reflicten as contradicións dunha sociedade enferma que devora os seus integrantes”, chamando a atención sobre problemas como a hipercompetividade, a incomunicación ou a sobreprotección.

De ‘Xogando con gatos’, o xurado destacara como a obra enfía o rico acervo popular de transmisión oral no que o protagonista é un gato (cancións, contos, adiviñas, lengalengas...) nunha trama que pon de manifesto a desaparición gradual de toda esa literatura relacionada co xogo e coa vida social da infancia. Sobresae, así mesmo, a rica teatralidade deste texto, na que teñen cabida o musical, a danza, o mimo, as marionetas e o teatro de sombras, de xeito que constitúe un magnífico material para un traballo multidisciplinario nas escolas e para un espectáculo escénico de gran formato.

Intriga infantil e técnica orixinal
‘O lobo e a lúa’ é unha historia que adapta as chaves da intriga e do suspense ao imaxinario dos máis pequenos. Segundo Andrea Bayer, trátase dunha “peza teatral tenra, divertida e intrigante na que os seus personaxes (unha tartaruga, un elefante e un gato malhumorado) conviven a pesar das súas diferenzas”. Trátase dunha historia de amizade, superación dos propios medos e amor, na que ninguén é tan bo como aparenta, nin tan malo como parece. Da obra destacárase a súa vontade escénica, na que se reflicte a experiencia da súa autora á fronte da súa compañía, Baobab Teatro, e doutras formacións anteriores.

Tamén destacara o tribunal as posibilidades escénicas de ‘Ela, piedade dos suicidas’, a obra coa que o xornalista e escritor Xavier Lama obtivo o XI Barriga Verde de textos na modalidade de teatro para adultos. De acordo co ditame emitido, esta peza contén as claves dun proxecto escénico moi ambicioso, conseguido mediante o recurso aos obxectos, ademais dunha elevada calidade lírica dos personaxes, o que “dá moita profundidade a unhas figuras dramáticas deseñadas cunha técnica moi rendible e pouco vista hoxe”. O seu autor, quen en 2010 xa fora recoñecido co Manuel María de literatura dramática infantil por ‘Os reloxos preguiceiros de Néboa’, define este novo texto como “unha historia órfica de descenso aos infernos na procura da muller idealizada” cuxo protagonista é un trasunto de Orfeo na procura do amor ou dun espellismo do amor”.
 

Comparte