Nova: O grupo Martín Códax percorre cun concerto a literatura galega medieval

26/07/2015

O grupo Martín Códax percorre cun concerto a literatura galega medieval

A actuación enmárcase no III Congreso Internacional de Lingüística Histórica

Santiago, 27 de xullo de 2015.- O grupo de música antiga Martín Códax propón un percorrido pola literatura galega medieval co concerto que ofrecerá o vindeiro luns 27 de xullo, ás 21:00 horas, na igrexa de San Domingos de Bonaval,.

A actuación enmárcase dentro da programación do III Congresso Internacional de Linguística Histórica, organizado conxuntamente pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), a través do Instituto da Lingua Galega (ILG), pola Universidade Federal da Bahia e pola Universidade de São Paulo, co apoio das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, e que se desenvolverá ata o vindeiro 30 de xullo na capital de Galicia, na Facultade de Filoloxía.

Os textos de Martín Códax, de Afonso X ‘O Sabio’ e de Bernal de Bonaval, cuxo verso  “U é meu amigo d'aquí, de bonaval?” lle dá título ao concerto, centrarán o repertorio do grupo, que se presenta como unha das formacións europeas de referencia en interpretación de música antiga.

Con máis de dúas décadas dedicadas ao estudo e mais á interpretación da música escrita desde a Idade Media ata o Renacemento, nomeadamente dos séculos XII, XIII e XIV, o grupo Martín Códax conta cun destacado recoñecemento tanto en Galicia como no panorama musical internacional.

Homenaxe a Ramón Lorenzo e Antón Santamarina

Dirixido a investigadores e investigadoras nos distintos ámbitos da lingüística portuguesa e galega,  Gallæcia – III Congresso Internacional de Linguística Histórica réndelles homenaxe a dúas figuras senlleiras da lingüística galega, os profesores Ramón Lorenzo e Antón Santamarina, catedráticos xubilados ambos os dous da USC e fundadores do ILG, onde seguen desenvolvendo a súa fecunda actividade investigadora como profesores ad honorem.

Na xornada inaugural do congreso, que contará ata o 30 de xullo con diversos simposios e comunicacións e minicursos, o profesor e académico Henrique Monteagudo pronunciará a conferencia ‘A lingua no tempo, os tempos da lingua. Gramática diacrónica e historia social’. A clausura correrá a cargo de Ivo Castro, da Universidade de Lisboa, coa conferencia ‘Os de Vasconcellos’.

Comparte