Nova: A Feira do Libro da Coruña bota a andar con preto dun cento de actividades

01/08/2015

A Feira do Libro da Coruña bota a andar con preto dun cento de actividades

As novidades editoriais e preto de 100 actividades arredor da lectura centran o programa do evento, que foi inaugurado esta mañá polo secretario xeral de Cultura

As próximas citas das Feiras dos Libro de Galicia serán nas localidades lucenses de Viveiro, Foz e Monforte de Lemos
 

A Coruña, 1 de agosto de 2015.- A cidade herculina acolle desde hoxe e ata o vindeiro 10 de agosto a cuadraxésimo cuarta edición da Feira do Libro Novo da Coruña, que foi inaugurada esta mañá polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo alcalde do municipio, Xulio Ferreiro; e mais pola presidenta da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez.

As novidades editoriais que ofrecen as librarías participantes xunto con preto dun cento de actividades para lles achegar o libro e lectura a todos os públicos centran a nova edición deste evento, da que o secretario xeral de Cultura destacou o nivel e o importante número de escritores e escritoras que volverán participar, un ano máis, nesta cita de referencia co libro e a cultura en Galicia.

O acto de apertura da feira, que contou co pregón de Mercedes Queixas Zas e mais coa actuación da Banda Municipal de Música da Coruña, dará paso a partir desta tarde ao inicio do programa de actividades. Os xardíns de Méndez Núñez serán o escenario durante os próximos días de numerosas presentacións e sinatura de libros, a cargo de escritores e escritoras como Manuel Rivas, Elena Gallego, César Antonio Molina, Xerardo Quintiá, María Solar, Xavier Alcalá, José Mejuto, Fran P. Lorenzo, Ledicia Costas, Manuel Blanco Desar, Antonio Reigosa, Alfredo Conde, Elena Galván e Suso Lista, entre outros.

O público infantil, protagonista
Tampouco faltarán na Coruña actividades para lles achegar aos máis novos o libro e a lectura. O espectáculo de maxia cómica ‘Leo Leíño’, a cargo de Leonor Rodríguez; o contacontos de Miguel Ángel Alonso, a presentación do libro disco ‘Sira e o robot. Adventures on Titan’, ‘A gramola gominola’, de Galaxia; ‘Chuches a mil’, con Fran Amil; o contacontos e actividade de ilustración con María Lado sobre o seu libro ‘Porque Cuqui non quere ir á lavadora’ ou ‘Gatuxo’, con Magín Blanco, son algunhas das propostas da feira para o público infantil.

Stands
Berbiriana, Editores Coruñeses, El Faro de los Tres Mundos, IGN-CNIG, Espazo do Lector Nobel, Librería Cascanueces, M. Moleiro Editor, Libraría Couceiro, Praza do Libro, Komic Librería, Ediciones del Viento/Reino de Cordelia, 7 Mares Libros, Brea, Edelvives-Tambre, Aenea, Santos Ochoa, Consorcio Editorial Galego, Nobel Burela, Libraría Pedreira, Libraría Cartabón, Luzes, Áncora Libraría, Hegar, Alita Comics, Librería Molist, A Serpe Edicións, Librería Arenas, Xiada, Nova Galicia Edicións, Ler Probra do Caramiñal, Librería Formatos, Siloé, Librería Roget, M. Couceiro Librarías e Editorial Eneida participarán na nova edición da feira, que permanecerá aberta en horario de 11:00 a 14:00 horas pola mañá (agás na fin de semana, que se amplía ata as 14:30 horas) e de 18:00 a 22:00 horas.

A Biblioteca Pública Miguel González Garcés, de xestión autonómica, volve contar cun espazo propio na feira, a través do que lle achegar ao público os seus servizos e no que as persoas interesadas terán ocasión de realizar in situ o carné da biblioteca.

As vindeiras feiras, na provincia lucense
Logo do seu paso pola Coruña, as Feiras do Libro de Galicia 2015, promovidas pola Federación de Librarías de Galicia co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, chegarán tamén no mes de agosto aos concellos de Viveiro, do 13 ao 16; de Foz, do 20 ao 30; e mais de Monforte de Lemos, do 26 ao 29. As citas poden consultarse na Axenda de Cultura de Galicia, na páxina web www.cultura.gal
 

Comparte