Nova: Cidade Imaxinaria, dez horas de circo, xogos e maxia para toda a familia no Gaiás

03/08/2015

Cidade Imaxinaria, dez horas de circo, xogos e maxia para toda a familia no Gaiás

A Cidade da Cultura acolle o 22 de agosto a quinta edición dun dos imprescindibles do verán: o festival Cidade Imaxinaria, que no 2014 convocou a 12.000 persoas na praza central do Gaiás

De 11 a 21 horas, grandes e pequenos poderán descubrir a maxia do circo a través de cincuenta espectáculos, obradoiros e xogos ao aire libre

Santiago, 3 de agosto de 2015.- O vindeiro 22 de agosto celébrase unha nova edición de ‘Cidade Imaxinaria’, un dos clásicos do verán do Gaiás que o ano pasado conseguiu reunir a unhas 12.000 persoas na praza central do complexo deseñado por Peter Eisenman.

De 11 a 21 horas, e durante dez horas ininterrompidas, grandes e pequenos poderán volver sentir a maxia do circo nunha quinta edición que recupera a esencia do “maior espectáculo do mundo”. Trapecistas, malabaristas, pallasos, acróbatas, equilibristas e toda unha serie de personaxes saídos dun mundo cheo de cor e fantasía serán os protagonistas dunha ‘Cidade Imaxinaria’ que ofrecerá máis de cincuenta actividades para todos os públicos. Como sempre, con entrada libre e de balde.

Seguindo a senda iniciada no 2014, a ‘Cidade Imaxinaria’ deste ano ofrecerá todos os seus espectáculos ao aire libre e volverá levantar na praza central o ‘Escenario imaxinario’, unha espazo máxico polo que, ao longo de toda a xornada, pasarán os mellores números circenses como as acrobacias aéreas de ‘Namorado do Aire’, os números cómicos dos tres aprendices de trapecistas, malabaristas e equilibristas de ‘Vaia Circo!’, os trucos de maxia de ‘Les Artuans’ e ata un ‘Cabaré’ cheo de criaturas fantásticas.

Pasarrúas, xogos e obradoiros
Ademais dos espectáculos do ‘Escenario imaxinario’, as persoas que se acheguen ao Gaiás o vindeiro 22 de agosto poderán gozar coas aventuras dun estraño viaxeiro equilibrista que se despraza nun curioso ‘Sidecar’; xogarán con ‘Les Pompiers’ a escapar da súa tola mangueira; seguirán as andanzas dos ‘Cock-Tales’, divertidos músicos con plumas; e poderán despedirse por todo o alto entre o elegante e hipnotizante baile dos ‘Colors’.

Como xa é habitual, ‘Cidade Imaxinaria’ contará con xogos e obradoiros para todas as idades. Desde o ‘Apicirc’, onde os máis pequenos da casa construirán o seu propio circo; ata os múltiples e imaxinativos pasatempos do ‘Arriero de juegos’ e a ‘Árbore dos xogos’.

‘Cidade Imaxinaria’ tamén convidará ao público a descubrir o ‘Circo no faiado’ dos Irmáns Herrerita, onde podemos aprender a xirar o prato, facer malabares ou colgarnos do trapecio; converternos en intrépidos peregrinos e superar ata un total de 24 probas para conseguir a nosa credencial ‘Xogando no Camiño’ e a lucir os máis enxeñosos e divertidos peiteados grazas a dúas perruqueiras tolas e un creativo dj en ‘Senta a cabeza’.

Servizo de Cantina
Para repoñer forzas, a Cantina do Gaiás contará con servizo de comidas, así como un posto de comida rápida. Para os máis larpeiros, na praza instalaranse postos de xeados, algodón de azucre, doces e flocos de millo, que se poderán tomar na carpa de descanso prevista para retomar folgos.

Visita de balde ao Museo Centro Gaiás
Con motivo da celebración do festival Cidade Imaxinaria, o 22 de agosto a entrada o Museo Centro Gaiás de balde para poder visitar en familia a exposición ‘Camiño. A orixe’. E para os que queiran coñecer un pouco máis sobre a mostra, o Museo contará con dúas visitas guiadas ao longo do día: 12:30 e 18:30 horas.

Os que prefiran visitala pola súa conta han de recordar que o Museo Centro Gaiás dispón dunha aplicación para móbiles e tabletas de descarga gratuíta, na que poderán descubrir as historias que se agochan tras as obras de arte.

Comparte