Nova: Artistas internacionais e unha escolma de novo circo galego danlle forma á carteleira que o Festiclown despregará en Vilagarcía do 14 ao 19 de agosto

05/08/2015

Artistas internacionais e unha escolma de novo circo galego danlle forma á carteleira que o Festiclown despregará en Vilagarcía do 14 ao 19 de agosto

A Consellería de Cultura e Educación contribúe ao seu financiamento como un dos nove certames escénicos subvencionados este ano a través da convocatoria de axudas da Agadic

A localidade arousá acolle por vez primeira este festival multisede, que inclúe tamén unha exposición, a proxección do documental 'Tres miradas, dous obxectivos', obradoiros de clown e unha gala benéfica
 

  • Vilagarcía de Arousa estréase como sede da edición galega do Festiclown, que volve contar coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria como un dos nove certames escénicos subvencionados este ano pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) Vilagarcía de Arousa estréase como sede da edición galega do Festiclown, que volve contar coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria como un dos nove certames escénicos subvencionados este ano pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic)

Vilagarcía de Arousa, 5 de agosto de 2014.- Vilagarcía de Arousa estréase como sede da edición galega do Festiclown, que volve contar coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria como un dos nove certames escénicos subvencionados este ano pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). A organización do evento presentou hoxe as actuacións que terán lugar nas prazas e rúas da localidade pontevedresa do 14 ao 19 de agosto, coa participación de compañías internacionais como Kanbahiota Troup, Ale Risorio ou MundoMandarina, así como dunha escolma de novo circo galego.

O encontro, que conta tamén co apoio do Concello de Vilagarcía, ofrecerá así mesmo unha ampla programación paralela, que inclúe unha exposición, a proxección do documental 'Tres miradas, dous obxectivos', dous obradoiros e unha gala solidaria.

O clown Iván Prado dirixe este festival internacional, que este ano alcanza a súa décimo sexta edición como referente da difusión e innovación das linguaxes do clown e do novo circo, así como do compromiso social. En 2015 repite, ademais, a súa fórmula de ‘multisede’, de xeito que chega a Galicia tras o seu paso por Granada durante esta semana e xa en novembro, cruzará o Atlántico para se presentar en Bogotá (Colombia).

A programación de Vilagarcía dará comezo o venres 14 na praza da Ravella co espectáculo '¡Vaya circo!', que Kanbahiota Troup escenificará ás 22.00 horas. O sábado 15 chegará a quenda da maxia con Dani García, quen no papel de 'Don Gelati', se atopará co público na praza de Galicia (12.30 h) e na rúa Rei Daviña (20.30 h). O domingo a actividade trasladarase á praza do Castro con Titereficciós e 'Cantos contos contas' (20.30 h).

'Certame Intergaláctico'
A partir do luns 17 comezará o Certame Intergaláctico, que se desenvolverá ata o mércores na rúa Rei Daviña (esquina rúa da Baldosa) cos espectáculos 'Alegrativo en comprimidos' de Ale Risorio (día 17), 'Laboratorio mágico' de MundoMandarina (día 18) e 'Letriska Inmobile' de Isla Letriska (día 18). As tres formacións actuarán ás 20.00 horas e o público poderá votar para elixir cal delas se converte en gañadora do certame.

O programa do luns completarase co 'Home orquestra' de Cé Orquestra Pantasma, que poderá verse ás 12.00 h na praza de Galicia e ás 21.00 h na rúa da Baldosa, así como coa representación de Ale Risorio ás 13.00 h en Daviña. O martes 18 MundoMandarina estará na rúa Castelao (13.00 h) e Os Sete Magníficos Máis Un, na praza da Peixería Vella (21.00 h), mentres que o mércores Isla Letriska ocupará a praza de Galicia a partir das 13.00 h.

Actividade formativa
En canto á programación paralela desta edición, o festival mantén aberto ata o 14 de agosto o prazo de inscrición para os dous obradoiros que ofrecerá en Vilagarcía: Improvisación Clown, impartido polo arxentino Ale Risorio o día 18, e Iniciación ao Clown, a cargo do galego Fran Rei o día 19. Ambos terán unha duración de oito horas e as persoas interesadas poden apuntarse na páxina web www.festiclown.org, no teléfono 981 582 836 o no mail info@festiclown.org.

Este festival internacional destaca, así mesmo, pola súa faceta de compromiso social, no marco da que a praza da Peixería Vella acollerá o mércores 19 unha gala benéfica a cargo da ONG Pallasos en Rebeldía co fin de recadar fondos para as actividades solidarias do Festiclown.

As actividades paralelas inclúen tamén a exposición que abrirá ao público desde o venres 14 no sala de conferencias do Auditorio Municipal sobre os Festiclown celebrados en Palestina, mesma temática arredor da que xira o documental 'Tres miradas, dous obxectivos', que se proxectará nese espazo o mércores 19, ás 12.00 h.

Esta sección complementarase co espectáculo teatral de animación á lectura 'A historia de Brancaflor', protagonizado por Fran Rei (Salón García, día 18, ás 12.00 h).
 

Comparte