Nova: A mostra itinerante sobre Filgueira Valverde chega a Lugo

06/08/2015

A mostra itinerante sobre Filgueira Valverde chega a Lugo

O proxecto expositivo co que a Xunta de Galicia homenaxea o autor das Letras Galegas 2015 fai parada na Biblioteca Pública ata o 15 de setembro

Percorre 22 puntos de Galicia ata final de ano
 

Lugo, 6 de agosto de 2015.- A mostra itinerante sobre Filgueira Valverde continúa a súa andaina polos distintos concellos da comunidade galega, chegando nesta ocasión á Biblioteca Pública Territorial de Lugo na que permanecerá ata o 15 de setembro. Con esta exposición, a Xunta de Galicia e mais a Deputación de Pontevedra buscan homenaxear e dar a coñecer a figura, a vida e a obra do polígrafo pontevedrés ao que a Real Academia Galega (RAG) lle dedica as Letras Galegas 2015.

‘Xosé Filgueira Valverde (1906-1996). Un faro na construción de Galicia’ componse de paneis informativos estruturados en dous bloques nos que se fai un percorrido polo traballo do intelectual na promoción da lingua galega, así como o seu papel na creación do Museo de Pontevedra e o seu labor docente no Instituto de Pontevedra. O proxecto, comisariado por Carlos Valle e por Ana María Costas, recolle as facetas profesionais do polígrafo nun amplo retrato cronolóxico da súa biografía. A mostra acompáñase dun detallado folleto de 12 páxinas que compila os datos a disposición de todas as persoas que se acheguen a visitala.

Unha mostra itinerante e actividades de dinamización lingüística
A exposición compleméntase (no caso dos concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta) coa xincana “Xosé Filgueira Valverde na voz da xente”, que baixo a xestión da empresa Falcón Branco ofrece múltiples actividades de dinamización lingüística dirixidas a escolares dos últimos cursos de primaria e de secundaria, en colaboración cos equipos de dinamización da lingua galega dos centros de ensino dos devanditos concellos.

Logo de facer parada en Santiago de Compostela (Biblioteca Ánxel Casal), na Coruña (Biblioteca González Garcés), en Foz (centro Cenima), en Melide (Casa da Cultura) en Boqueixón (Casa do Concello), en Ponteceso (Fundación Eduardo Pondal) e en Lugo (Biblioteca Central Territorial); a mostra continuará o seu percorrido da man da Xunta de Galicia coas seguintes itinerancias: O Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo), O Carballiño (Auditorio), Oleiros (A Fábrica), Ferrol (Centro Cultural Carballo Calero), Cee (Casa da Cultura) e Ourense (Biblioteca Central Territorial).

Paralelamente e da man da Deputación de Pontevedra, unha mostra xemelga percorre ata fin de ano 9 concellos pontevedreses. Deste xeito, serán en total 22 concellos galegos os que alberguen esta exposición arredor do autor homenaxeado pola RAG co gallo das Letras Galegas 2015, ademais da exposición ampliada do Museo de Pontevedra.
 

Comparte