Nova: O festival Revenidas de Vilaxoán presenta un programa internacional de máis de 20 concertos

07/08/2015

O festival Revenidas de Vilaxoán presenta un programa internacional de máis de 20 concertos

O encontro ofrecerá as actuacións dos estadounidenses SOJA, os canadenses The Mahones ou os italianos Banda Bassotti, entre outros

Mantén a sardiñada popular, a gala solidaria e a feira cultural e artesanal como eixos da programación paralela para todos os públicos

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 7 de agosto de 2015.- A organización do festival Revenidas presentou as novidades da súa duodécima edición, que se desenvolverá na vila mariñeira de Vilaxoán, no concello de Vilagarcía de Arousa, do 21 ao 23 de agosto. Xunto cun cartel internacional de 20 concertos, como os do grupo estadounidense SOJA, o canadense The Mahones ou a italiana Banda Bassotti, a programación de 2015 ofreceralle ao público unha serie de actividades culturais e recreativas, entre as que sobresaen a súa tradicional sardiñada popular, a gala solidaria e a feira de produtos culturais e artesanais.

Xunto con Xoán Quintáns e Bobi Boullosa, en nome do equipo organizador e da Asociación A Repichoca, interviñeron na presentación os representantes das institucións que colaboran co festival —Alberto Varela Paz, alcalde de Vilagarcía de Arousa; Jacobo Sutil Nesta, director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais); Xosé Leal, deputado provincial de Cultura de Pontevedra; e Sonia Outón Casal, concelleira de Cultura—, así como Antonio Cortés, director de Marketing de Gadis, unha das empresas patrocinadoras xunto con Mahou e Martín Códax.

Na súa intervención, Jacobo Sutil subliñou que o de Vilaxoán é por cuarto ano consecutivo un dos encontros musicais subvencionados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do programa de axudas a festivais profesionais posto en marcha en 2012 a través da Agadic. Este ano contribúese ao seu financiamento con 13.795 euros como un dos 12 eventos beneficiarios da última convocatoria.

Dinamización cultural e económica
O director da Axencia incidiu no papel vital do traballo conxunto entre as institucións públicas e a iniciativa privada cara ao desenvolvemento dun atractivo, variado e complementario calendario galego de festivais que, como no caso de Revenidas, exercen unha “función dinamizadora non só desde o punto de vista cultural, senón tamén turístico e económico”.

Así mesmo, trasladoulle os seus parabéns á organización polo cartel deste ano que, como se foi desvelando nos últimos días, será o máis internacional e un dos máis ambiciosos ata a data. Felicitounos, ademais, “por saber medrar sen perder o espírito veciñal e a esencia lúdica e de confraternidade daquelas primeiras edicións, que teñen o seu xermolo nunha sardiñada popular a partir da que se comezou a construír o que hoxe podemos cualificar como un encontro musical de referencia nos veráns de Galicia”, engadiu.

O festival, promovido pola Asociación A Repichoca, desenvolverase arredor de dúas localizacións principais: o recinto pechado onde terán lugar a programación de pago, con máis de 20 concertos de bandas procedentes de Galicia, Comunidade Valenciana, Euskadi, Madrid, Canadá, Estados Unidos ou Italia; e o parque Dona Concha, no porto de Vilaxoán, que acollerá as actividades de balde para todos os públicos.

Variedade de estilos musicais
No cartel deste ano combínanse estilos como o reggae, ska, punk, rock, pop, balkan, garage, rap, hip hop, folk, swing ou electrónica. Así, o venres 21 actuarán La Raíz, Banda Bassotti, Zoo, Liska, Nao, Dakidarría, The Eskies e Poetarras. O sábado 22 será a quenda de The Mahones, Familia Caamagno, Terbuliana, Spin Te Kú, Leo i Arremecaghona e Kasernarat, ademais dun grupo sorpresa que será anunciado proximamente; mentres que o domingo a música comezará xa cunha sesión vermout a cargo de Swindigentes e Blues do País, para continuar pola noite con SOJA, Los Chicos del Maíz, Xenderal e Rulassie Selektah.

Entre as actividades de balde destaca o encontro familiar e interxeracional da Sardiñada Popular Revenidas, que se celebrará o sábado e para a que se contará cos pasarrúas de PerQtores e Fanfarria Taquikardia. O sábado tamén terá lugar a Gala Solidaria Revenidas, na que, como en anos anteriores, participarán diferentes compañías de novo circo co fin de recadar fondos para os campos de refuxiados do Sáhara. Así mesmo, haberá actuacións musicais para o público máis novo da man de Brincavai e Daquí Para Alá, ademais da Feira Revenida que quedará instalada o parque da Dona Concha.

Venda de entradas e acampada
As entradas e bonos para asistir aos concertos festival Revenidas 2015 están xa á venda en liña, a través do web www.ataquilla.com, e fisicamente nos diferentes establecementos que poden consultarse en www.revenidas.com. Por outra banda, a organización habilitará dúas zonas de acampada libre para as persoas que dispoñan de entrada.

Comparte