Nova: Atardecer no Gaiás despídese esta semana con Palito, Paracetamol e The Excitements

27/08/2015

Atardecer no Gaiás despídese esta semana con Palito, Paracetamol e The Excitements

A cantautora Palito será a encargada de arrancar esta última semana na praza central da Cidade da Cultura, seguida polo punkpop da banda viguesa Paracetamol, que fará vibrar ao Gaiás este venres

A despedida correrá a cargo de The Excitements, grupo barcelonés que pisa con forza na primeira división do rythm’n’soul. Tras eles, a Cantina do Gaiás acollerá a festa de despedida cunha sesión de dj’s e audiovisuais

  • Paracetamol
  • Palito
  • The Excitements

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2015.- Esta semana despídese Atardecer no Gaiás 2015, o ciclo da Cidade da Cultura co que poñerlle banda sonora ás tardiñas do verán,  E vaino facer por todo o alto coa cantautora galega Palito, a banda de punkpop vigués Paracetamol e o grupo barcelonés The Excitements.

Alba Redondo, Palito, será a encargada de arrancar o xoves esta última semana de ‘Atardecer no Gaiás 2015’. Acompañada pola guitarra e a experiencia de Javier López de Guereña, Palito ofrecerá un feixe de cancións cheas de frescura, enxeño e sinxeleza.

E das cancións máis intimistas ao punk pop máis refrescante da banda viguesa Paracetamol, que chegará ao Gaiás este venres, 28 de agosto. Formada por Roque Cameselle, Coke Varela e Cristina Pena, Paracetamol ofrecen un antídoto contra o tedio e o aburrimento en forma de música sen complexos agrupada no seu primeiro álbum, ‘Enfermedades comunes’, producido por Pablo Novoa.

E o fin de festa chegará o sábado, 29 de agosto, con The Excitements. Para despedir o Atardecer no Gaiás, a Cidade da Cultura quería unha banda que se deixase a pel no escenario mentres o público non puidese deixar de bailar. E iso é exactamente este grupo barcelonés que pisa con forza na primeira división europea do rythm’n’soul.

Tras eles, a festa continuará na Cantina do Gaiás, cunha sesión de dj’s a cargo de dj Furia de Timotei e DJ ChS! que irán ao ritmo das creacións audiovisuais de VJ VHF. 

Último bus ás 22:45 horas
Todos os concertos de ‘Atardecer no Gaiás’ son de balde e comezan ás 21:00. No caso de que o tempo non acompañe, as actuacións trasládanse á Sala Eisenman. E para os que non queiran perder nada dos concertos e non depender do coche, Tussa pon en marcha un servizo especial de bus urbano, cunha última baixada do Gaiás ás 22:45 horas.

Comparte