Nova: Investimento de 17 millóns para a restauración da catedral de Santiago

28/08/2015

Investimento de 17 millóns para a restauración da catedral de Santiago

O Consello de Ministros aprobou esta inxección económica

Santiago, 28 de agosto de 2015.- A Consellería de Cultura e Educación amosa a súa satisfacción polo investimento de 17 millóns de euros na catedral de Santiago de Compostela, que aprobou o Consello de Ministros. O Goberno galego considera que esta decisión reflicte, unha vez máis, o compromiso do Goberno do Estado con Galicia e, neste caso, co noso patrimonio histórico-artístico. De feito, fora o propio presidente do Goberno, Mariano Rajoy, quen -nunha visita de hai uns meses á capital de Galicia- se comprometera, mediante un protocolo, a apoiar estas actuacións que agora se van levar a cabo.

A inxección destes 17 millóns de euros permitirá desenvolver unha serie de traballos de restauración do conxunto catedralicio compostelán no período 2015-2020. O Goberno Central financia integramente as obras, mentres que a Xunta -a través da Consellería de Cultura e Educación- será a que leve a cabo ditas actuacións, mediante convenio coa Fundación Catedral de Santiago, que se formalizará ao longo de vindeiro mes.

Deste xeito, levaranse a cabo unha serie de traballos como son a restauración das cubertas do templo, a cuberta do claustro, os remates da fachada do Obradoiro e a restauración das fachadas da Quintana, de Xelmírez e Abades, e da Fachada Sur do Claustro, entre outros. Tamén se procederá a limpeza exterior da Torre do Tesouro e da Torre da Vela; a restauración de tribuna e iluminación; as bóvedas interiores do templo; os parámetros verticais interiores da catedral e o acondicionamento do baixo cuberta do claustro.

Como é sabido, a catedral de Santiago é un monumento singular, que posúe valores históricos, artísticos e culturais que a converten nun fito único no marco do patrimonio cultural Europeo. Ademais, forma parte esencial de dous bens declarados Patrimonio Mundial da Unesco, que son o Camiño de Santiago e a Cidade Vella de Santiago.

Desde o ano 2009, a Catedral conta cun Plan director do seu Conxunto Catedralicio que abrangue unha serie de actuacións programadas e un listado de estudos complementarios que é preciso desenvolver e executar para garantir a correcta conservación deste ben.
 

Comparte