Nova: Cultura colabora coa Fundación Vicente Risco para a realización de actividades culturais

29/08/2015

Cultura colabora coa Fundación Vicente Risco para a realización de actividades culturais

Diálogo entre Culturas: Galicia-Cuba e Officina Utricularii son as actividades financiadas con 10.000 euros

Santiago, 29 de agosto de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente da Fundación Vicente Risco, Luís Martínez-Risco, asinaron un convenio de colaboración para a realización de distintas iniciativas culturais.

Cunha achega total de 10.000 euros, a Consellería financiará as actividades Diálogo entre Culturas: Galicia-Cuba e Officina Utricularii. A primeira enmárcase dentro do mes que dedica dende 2012 a Fundación ao Diálogo entre Culturas, un proxecto de carácter cultural e reflexión intelectual. Despois de “Dialogar” con Cataluña, Escocia e Xapón, nesta nova edición “dialogarase” con Cuba.

Por outra banda, a Officina Utricularii busca consolidar un punto de ensino e estudo de carácter netamente vangardista de gaita de fol en Galicia, coa finalidade de contribuír á formación integral das instrumentais de gaita para acrecentar así a base popular-tradicional establecida nos últimos 50 anos.

Con estas iniciativas preténdese dar unha visión máis completa dos diversos ámbitos intelectuais e de traballo que preocuparon a Vicente Risco e, ao mesmo tempo, dar a coñecer o papel fundamental na cultura e na Galicia do escritor.

Comparte