Nova: Desafío da terra propón no Gaiás unha carreira de obstáculos extrema, cen por cento galega

06/09/2015

Desafío da terra propón no Gaiás unha carreira de obstáculos extrema, cen por cento galega

Os participantes deberán superar probas como saltar cacharelas, atravesar unha batea ou cargar sacos de patacas ao longo de sete quilómetros que transcorren por diferentes espazos da Cidade da Cultura, entre eles os baleiros dos edificios non construídos do Gaiás ou o Bosque de Galicia

Santiago, 6 de setembro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria anima a participar no ‘Desafío da terra’, a primeira carreira de obstáculos extrema, cen por cento galega, que terá lugar o vindeiro domingo, 13 de setembro, na Cidade da Cultura de Galicia.

Os participantes no ‘Desafío da terra’ deberán superar 27 obstáculos dispostos ao longo dun circuíto de 7 quilómetros pola Cidade da Cultura, que levará aos corredores a atravesar os baleiros da Cidade da Cultura –as zonas nas que estaban previstas a construción do Teatro da Ópera e do Centro de Arte Internacional- e diversos puntos do Bosque de Galicia. De feito, no lago creado de forma natural diante do Museo Centro Gaiás instalarase unha batea, presentándose como unha das probas máis esperadas da carreira.

Saltar cacharelas, cargar sacos de patacas, superar valos, bidóns, charcos, silos, paso sobre pirámides de madeira, muros, pneumáticos, pacas, aramadas, escaleiras ou trincheiras de barro serán algúns dos obstáculos naturais e artificiais que deberán superar os participantes para completar o ‘Desafío da terra’.

Todas as probas teñen orixe 100% galego e estará baseadas en oficios tradicionais e do ámbito rural, como por exemplo ‘Trepar a carballeira’, ‘Carga e descarga de rodas’, ‘Batea’, ‘Monte bravo’, ‘A leña’, ‘Barricadas con alpaca’ ou ‘Barricadas con xestas’.

Inscrición ata o 10 de setembro
De forma paralela á carreira, a Cidade da Cultura acollerá actividades de balde para os máis pequenos da casa, así como o fin de festa no que se exporán as mellores fotos dos participantes e do seu paso polas diferentes probas.

Para participar nesta proba é preciso inscribirse antes do 10 de setembro a través da páxina do Santiago Futsal (www.santiagofutsal.com) a un prezo de 25€. Desde a organización sinálase que a carreira é accesible para calquera persoa independentemente da súa condicións física, tendo como único requisito ser maior de idade.

Comparte