Nova: Setenta creadores emerxentes intercambian experiencias no V Encontro de Artistas Novos

08/09/2015

Setenta creadores emerxentes intercambian experiencias no V Encontro de Artistas Novos

O Gaiás acolle un ano máis este encontro no que tamén participan nomes xa consolidados como Ana Laura Aláez, Damián Ucieda, Aitor Saraiba, Menchu Lamas e Enrique Marty

Os 70 creadores terán a oportunidade de presentar ata o venres o seu proxecto artístico

A Cidade da Cultura pon en marcha un concurso de proxectos que levará a un ou varios participantes a realizar unha intervención artística nas Torres Hejduk

  • Encontro de Artistas Emerxentes 2015 Encontro de Artistas Emerxentes 2015
  • O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, deulle esta mañá a benvida aos setenta creadores emerxentes O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, deulle esta mañá a benvida aos setenta creadores emerxentes
  • O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, deulle esta mañá a benvida aos setenta creadores emerxentes O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, deulle esta mañá a benvida aos setenta creadores emerxentes
  • O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, deulle esta mañá a benvida aos setenta creadores emerxentes O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, deulle esta mañá a benvida aos setenta creadores emerxentes

Santiago, 8 de setembro de 2015.- Botou a andar na Cidade da Cultura de Galicia a quinta edición dos Encontros de Artistas Novos . O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, deulle esta mañá a benvida aos setenta creadores emerxentes que ata o venres participarán no EAN5.

Acompañado do director do encontro, unha das figuras destacadas no mundo da arte contemporánea, Rafael Doctor; e da directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, María Pereira; Anxo Lorenzo convidou aos 70 participantes a aproveitar catro días de convivencia para favorecer a reflexión creativa e o intercambio de coñecementos.

“Estou convencido de que esta nova edición do ‘Encontro de Artistas Novos’ contribuirá á dinamización da vida artística de Galicia e do resto de España e con este fin poñemos á vosa disposición todas as posibilidades que ofrece a Cidade da Cultura, desexando que vos sirva de estímulo motivador e inspirador e, ao mesmo tempo, como escaparate ao mundo dos vosos traballos, das vosas creacións e, en definitiva, da vosa arte”, asegurou o secretario xeral de Cultura durante a recepción celebrada na Sala Eisenman.

Participantes e relatores participantes no Encontro realizaron unha visita guiada pola Cidade da Cultura de Galicia antes de dar comezo ao programa formativo/expositivo, que arrancou cunha dobre conferencia a cargo dos artistas Ana Laura Aláez e Damián Ucieda. Xa pola tarde, esta quinta edición do Encontro comezará o xa tradicional Foro Aberto, no que os participantes expoñen os seus traballos e creacións artísticas ante os seus compañeiros, comisarios e críticos convidados.

Catro días de experiencias e reflexións
A través destes catro días de convivencia, os setenta alumnos poderán entrar en contacto con outras traxectorias e procesos de produción artística a través dunha serie de conferencias impartidas por artistas de recoñecido prestixio nos circuítos nacionais e internacionais da arte contemporánea como Ana Laura Aláez, Damián Ucieda, Aitor Saraiba, Menchu Lamas e Enrique Marty.

Xunto aos artistas, os participantes convivirán con observadores que apoian aos novos creadores e que queren estar ao corrente das novidades do artista emerxente e os seus proxectos artísticos. Guillermo Espinosa, Javier Díaz-Guardiola, Paula Cabaleiro e Ángel Calvo Ulloa serán os críticos, comisarios ou xornalistas culturais que participen nesta edición.

Bolsas para 70 creadores
Os setenta artistas emerxentes seleccionados obteñen unha bolsa que inclúe a matrícula de inscrición no V Encontro de Artistas Novos, estancia en réxime de pensión completa no complexo do Monte do Gozo de Santiago de Compostela desde o luns 7 de setembro ata o venres 11 de setembro (ambas as dúas inclusive) e transportes diarios desde o Monte do Gozo ata a Cidade da Cultura.

A edición deste ano contará ademais cun dos participantes no primeiro EAN que se celebrou fóra das nosas fronteiras: o EAN de Uruguai, que tivo lugar no mes de xuño en Montevideo. Agustín Banchero Cardozo, creador no ámbito das artes visuais, foi o elixido de entre os corenta participantes desta primeira edición e compartirá unha semana con creadores galegos e do resto do Estado.

Intervención nas Torres Hejduk
Como complemento a todo isto, a Cidade da Cultura de Galicia pon en marcha por terceiro ano consecutivo un concurso entre os participantes do ‘Encontro de Artistas Novos’ para a realización dunha intervención artística nas Torres Hejduk, dándolle a oportunidade de ocupar un espazo polo que xa pasaron figuras consagradas como Pamen Pereira, Ramón Conde ou Ana Soler.

Os participantes desta edición terán ata o 17 de outubro para presentar un proxecto expositivo para as Torres Hejduk, que será producido pola Cidade da Cultura e exposto durante tres meses no complexo.

Con esta iniciativa, a Cidade da Cultura quere seguir prestando o seu apoio aos artistas emerxentes e contribuíndo na difusión da súa obra, obxectivo que se recolle na celebración do propio Encontro e que contou con iniciativas previas como ContainerInside, proxecto colectivo composto por traballos dos participantes da primeira edición do Encontro e que formou parte da exposición Inside en 2012; a intervención colectiva ‘En ningún lugar’, proxecto gañador do anterior edición do EAN a cargo de Juan Cañamero, Iago Eireos, Miguel Ángel Moreno Carretero, Ana Esteve Reig, Alejandro Ramírez Ariz e Pablo Martínez Muñiz comisariados por Carlos Delgado Mayordomo; ou no 2014 ‘Subtextos dun patrón de mantemento’ do galego Félix Fernández.

O nome do proxecto gañador darase a coñecer o 27 de outubro e a intervención artística abrirase ao público no mes de decembro deste ano.

Comparte